Matrioshka Teatro homenaxea a María Victoria Moreno Márquez en Gondomar

Matrioshka Teatro presenta este sábado 26 de maio en Gondomar o espectáculo “Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos”, un percorrido pola vida e obra de María Victoria Moreno Márquez, homenaxeada do Día das Letras Galegas, que se describía a si mesma como unha señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos. A función comezará ás 20:00 horas no Auditorio Municipal Lois Tobío con entrada gratuíta.

Escritora, mestra, loitadora, artista, defensora da lingua, María Victoria Moreno é pioneira da literatura infantil e xuvenil en lingua galega, mestra apaixonada polo ensino, namorada da boa literatura, e de escoitar e falar cos cachorros dos humanos, como lle gustaba chamar ao seu alumnado. Sementadora de futuro que exploraba camiños diferentes para mundos mellores coa previsión de advertir das paisaxes fermosas ou das cárcavas perigosas ás xentes que veñen detrás.

“Señora que pasea pola rúa con dous cans preciosos” mete os pés no teatro e camiña no escenario da man de María Victoria para revelar estados de ánimo, ilusións, medos, incertezas e esperanzas, porque nós cremos, como ela, que as persoas estamos feitas para levar adiante os proxectos máis fermosos.