
Daniel e Laura, dous voluntarios de Bai.senpulgas, visitaron a pasada semana o CPI Cova Terreña de Baiona para ofrecer unha charla a 71 alumnos do centro. Acompañados por Asier, Ray, Puah e Sifrah explicaron aos pequenos cal é o labor da protectora e a necesidade de voluntarios para o mantemento das súas instalacións en Gondomar ou para pasear aos animais. Tamén destacaron a importancia de acoller, adoptar ou apadriñar.
Trátase dunha actividade incluída no proxecto da cooperativa Artesáns&Kids, composta polos 19 alumnos de 6ºA, xa que precisamente destinarán parte dos beneficios da empresa constituída dentro do programa “DepoEmprende na Escola” da Deputación de Pontevedra á protectora de animais miñorana. “O alumnado de Artesáns&Kids quixo estender esta visita aos seus compañeiros de ciclo, xa que a atención aos animais é un tema importantísimo de tratar a nivel educacional na aula”, destacou a súa titora, Mercedes Coto, polo que participaron tamén 5º A e B e 6º B.
Daniel, que é rehabilitador canino, considera a iniciativa dos alumnos “fantástica”, xa que asegura que é algo necesario non só con eles “senón en todos os centros”. “De feito levamos uns meses visitando diferentes colexios e eu penso que é un labor súper importante, ir concienciando aos pequenos da casa, que eles á súa vez conciencien aos seus pais, e aos poucos ir creando conciencia do que necesitan, os coidados, a educación, etc”. Considera que estas charlas nos centros de ensino “axudarían a previr problemas futuros cos cans”.
Artesáns&Kids estará este mércores xunto cos outros 20 centros de ensino participantes en “DepoEmprende na Escola” na rúa Príncipe de Vigo. Alí venderán os produtos que eles mesmos elaboran, como broches, lapiceiros, cadernos, trenzas para o pelo, chaveiros, frascos de cristal, tres en raia coas fichas feitas coa casca de noces, carteiras, pulseiras, aneis, marcapáxinas ou pousavasos. Outra parte dos beneficios irán destinados á ONG “Ayuda al Mundo Necesitado” de Baiona.