As obras na contorna do colexio de Peitieiros non garanten a seguridade dos cativos segundo o PP

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // CEP Xosé Neira Vilas en Peitieiros.

O Partido Popular de Gondomar denuncia que as obras que se están acometendo na contorna do Colexio Público Xosé Neira Vilas de Peitieiros non garanten a protección necesaria para a seguridade dos cativos do centro. Tanto a dirección do colexio como os representantes dos pais, o que pedían era un espazo propio fóra da estrada onde puidesen parar os autobuses para que os cativos suban e baixen dos mesmos sen perigo algún.

Tamén recorda a presidenta do PP de Gondomar, que na visita que fixo en xuño de 2017 a Gondomar o deputado provincial de Mobilidade, Uxío Benítez, comprometeuse a executar as obras necesarias para garantir a seguridade dos cativos. Segundo as súas verbas «…habilitarase un espazo propio para que os nenos e nenas que utilizan o transporte escolar poidan subir e baixar do bus fóra do ámbito da estrada provincial. Para realizar esta mellora e acondicionar unha nova área para a parada dos buses estase traballando na consecución dunha parcela anexa ao colexio que pertence á comunidade de montes».

Paula Bouzós afirma que estas obras só van facer que os coches vaian máis amodo onde están os redutores, pero para nada garanten a seguridade dos cativos, xa que os autobuses van a seguir parando na propia estrada. Por iso lle pide a Paco Ferreira que se acometan as obras prometidas para o aparcadoiro dos autobuses no Colexio Público Xosé Neira Vilas de Peitieiros, e se estude a posible colocación de semáforos que se demanda dende a dirección do colexio. Recórdalle Paula Bouzós, que antes das eleccións do ano 2015 quedara xa redactado un proxecto coa solución a este problema e no que se contemplaba o mencionado aparcadoiro. Incluso nun pleno de abril de 2016 Paco Ferreira recoñeceu que había un proxecto redactado polo anterior goberno e comprometida a súa execución. Hai que recordar que a este colexio van alumnos de varias parroquias, como poden ser Peitieiros, Chaín, Morgadáns, Couso, así como de outras parroquias do concello cuxas familias elixen este centro para a formación dos seus fillos.