
O equipo sénior do CB Nigrán proclamouse este fin de semana campión da fase de ascenso conseguindo así unha praza na segunda división para a próxima tempada. Aínda que queda unha xornada na que deben enfrontarse de novo ao San Cibrao de Ourense, matematicamente proclamáronse campións ao ser o único equipo invicto no que vai de fase.
O equipo nigranés tivo a opción de xogar esta fase de ascenso ao proclamarse subcampión de liga en terceira división. Ademais de xogar a fase, os sénior do CB Nigrán atópanse disputando tamén a copa, onde xa gañaron o seu primeiro partido de ida de semifinais. Este próximo fin de semana xogarán a volta e se conseguen unha nova vitoria entrarían directamente a disputar a final.
Esta é a primeira tempada que o CB Nigrán conta con categoría sénior desde que o club volveu á competición despois dun período de nove anos de inactividade, un equipo formado por 13 xogadores entre os cales se atopan algúns que deron os seus primeiros pasos sendo tan só uns nenos nas filas do CB Nigrán fai agora case 20 anos.
Desde a directiva do CB Nigrán mostran a súa gran satisfacción por este novo éxito e felicitan aos xogadores e ao seu adestrador Paco Termenón por todo o esforzo e o gran traballo realizado durante esta tempada.