
Para facilitar a licitación do contrato de construción da nova biblioteca antes do 30 de xuño de 2018, Nigrán Decide proporá ao pleno a delegación das competencias de contratación da nova biblioteca de Nigrán no Alcalde, para axilizar os trámites.
Cómpre destacar que xa, en marzo do ano 2016 o grupo municipal de Nigrán Decide presentou a todos os grupos un documento para o debate no que se concluían con relación ao tamaño que, para contar con todos eses servizos, debería ter un tamaño aproximado de 1.110 m² con 150 postos de lectura como mínimo.
“Dita proposta foi asumida polo goberno municipal en maio de 2016 e posteriormente por toda a corporación en abril de 2017”, sinala José Cuevas, “ao que hai que engadir que a oposición construtiva que fai o grupo municipal, con propostas realizables, dicindo non cando consideramos que as propostas que fai o goberno son negativas, únese agora facilitar a licitación da nova biblioteca de Nigrán”.
A importancia desta delegación radica en que entre os requisitos para a concesión da subvención de millón e medio de euros para a biblioteca de Nigrán está que os procedementos de contratación para a execución dos investimentos financiados, deberán estar en fase de licitación antes do 30 de xuño de 2018. Sinalando as bases polas que se convoca esta subvención que o incumprimento desta obriga supoñerá para o concello beneficiario a perda do dereito á subvención.