
A Garda Civil detivo a un mozo de 24 anos como suposto autor dunha trintena de roubos que cometera durante os últimos meses en vehículos estacionados en garaxes comunitarios, a maior parte deles situados no centro urbano da localidade de Baiona.
A operación “Tendales” desenvolvida por efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona foi bautizada, precisamente, co nome da barriada onde se cometeron a maior parte dos roubos.
O incremento exponencial dos roubos que se viñan producindo nos garaxes das rúas deste barrio desde o mes de febreiro fíxose moi notorio durante as últimas semanas e iso deu lugar a que por parte da Garda Civil adoptásense unha serie de medidas excepcionais, impulsando as investigacións dos feitos ocorridos e potenciando as actuacións preventivas.
Todos os roubos tiñan o mesmo modus operandi: producíanse en horas nocturnas, cunha cadencia de dous ou tres coches noutros tantos garaxes cada semana. Normalmente forzaba as portas dos edificios para acceder aos garaxes e, na maioría dos casos, eran máis cuantiosos os danos materiais que causaba nos vehículos, rompendo o cristal ou forzando as fechaduras, que os obxectos que subtraía do seu interior, que adoitaban ser moedas.
En total contabilizáronse 30 feitos delituosos, a maior parte roubos con forza levados a cabo nun importante número de garaxes situados nunha decena de rúas do coñecido barrio dos Tendales de Baiona: Marqués de Quintanar, Hortas Reais, Carabela Pinta e Palos de la Frontera, entre outras.
Para atallar este incremento de roubos que estaba a suscitar una certa alarma social e preocupación entre os veciños da zona, deseñouse por pate do Posto da Garda Civil da localidade un dispositivo de vixilancia encuberta que estivo a controlar durante as últimas semanas e durante toda a noite as entradas e saídas deste barrio.
Os resultados do dispositivo deron o resultado que se esperaba o pasado mércores, día 16, cando se detecta a un individuo camiñando pola rúa, ás 2:30 horas da madrugada, tentando forzar e apalancar os portais de varios edificios.
Ao activar o dispositivo para a súa identificación, tentou darse á fuga, sendo inmediatamente alcanzado e reducido polos integrantes do operativo que estaba despregado na zona, un dos cales sufriu danos no seu vestiario ao ter que contrarrestar a resistencia activa que ofreceu esta persoa para ser arrestada.
O detido é un mozo de 24 anos, natural do municipio de Mondariz, que levaba residindo nunha das rúas do mesmo barrio dos Tendales desde o mes de setembro do pasado ano. Ten antecedentes por feitos similares e figura reclamado por un Xulgado de Instrución de Ponteareas.
No momento da súa detención interviñéronselle todos os elementos que viña utilizando para cometer os roubos: un desaparafusador, compatible nas súas dimensións coas muescas que aparecían nas portas dos edificios que foran forzadas, luvas, alicates e unha barra metálica dunha fechadura.
Por mor da detención, onte levouse a cabo unha entrada e rexistro no seu domicilio onde se incautaron documentos persoais e algúns obxectos que foran denunciados como subtraídos.
Durante a mañá de hoxe será posto a disposición do Xulgado de Instrución de garda dos de Vigo como presunto autor dun total 30 delitos de roubo e furto e outro de resistencia e desobediencia grave aos axentes da autoridade no exercicio das súas funcións.
ACTUALIZACIÓN: O detido foi posto en liberdade provisional con cargos coa obrigación de presentarse periodicamente no xulgado e a advertencia de ingreso preventivo se volve delinquir.