O Trofeo MRW inaugura a volta á competición en Baiona

Volve a vela de competición en Galicia e o Monte Real Club de Yates de Baiona será o encargado de inaugurar o calendario de regatas tras o parón provocado pola crise sanitaria do Covid-19. Este próximo sábado, día 27 de xuño, o club baionés celebrará o Trofeo MRW, proba que poñerá en xogo o Campionato Galego de cruceiros A Dous e renderá homenaxe a Don Rafael Olmedo, que foi presidente do Monte Real durante máis de 40 anos. A cita espera superar a cifra dos trinta barcos pelexando por adxudicarse o título autonómico da tempada 2020, que puntuará ademais para o Circuíto Rías Baixas A Dous.

A proba comezará oficialmente o venres coas revisións de seguridade, confirmación de inscricións e a reunión de patróns convocada para as 20:00 horas da tarde. Xa o sábado, ás 11:00 horas, o Comité de Regatas dará o bocinazo de saída na baía de Baiona para un percorrido de 35,5 millas aproximadamente, que levará á frota ata a baliza do Camouco pasando polas de Carallones, La Negra e Cíes antes de poñer rumbo de volta á baía. Aínda que todo dependerá das condicións de vento, todo apunta a que a regata se prolongará ata última hora da tarde.

Entre os rexistrados, todo un elenco de equipos e regatistas de alto nivel que prometen dar todo un espectáculo no campo de regatas. Nomes como o do Pairo con Luis Bugallo á cana; o Ay Carmela! de Juan Martínez, actual subcampión galego da clase, ou o Bon III de Víctor Carrión, que levou o bronce na última edición do campionato, serán algúns dos que pelexen polo prezado título galego.

Tampouco faltará a frota de J80, que aínda que habitualmente compiten en tempo real poderán optar nesta proba para facelo en tempo compensado para pelexar polo título galego. O “Okofen” de Javier de la Gándara e o “Cansino” de Nano Yáñez, gañador da última edición na súa clase, figuran entre os monotipos rexistrados a día de hoxe.

Este é o noveno ano consecutivo que a Real Federación Galega de Vela delega no club baionés a organización dunha das regatas máis esixentes da tempada e, como vén sendo habitual, a cita poderá seguirse en tempo real a través de móbil ou computador na páxina web do Monte Real Club de Yates.

Unha vez finalizada a regata, a entrega de premios celebrarase ás 20:00 horas na terraza do club.

A cita, como non podía ser doutra maneira, contará con todas as medidas de seguridade e prevención marcadas pola Secretaría Xeral para o Deporte e a RFGV para minimizar ao máximo as probabilidades de contaxio do Covid-19.

Anuncios