Anuncios
Ticker de novas

A Fundación “la Caixa” achega 10.000 € á familia que perdeu a súa casa nos incendios de Chandebrito

O Concello de Nigrán, a través da Fundación “la Caixa”, vén de entregar 10.000 euros en concepto de axuda de emerxencia social á familia que perdeu a súa casa e todas as súas pertenzas no fatídico incendio do 15 de outubro en Chandebrito. A Obra Social, tras analizar cos Servizos Sociais do Concello de Nigrán a situación de Noemí Fialho e a súa nai, quixo axudar a esta familia que actualmente reside nunha vivenda prestada por un veciño e que deben abandonar proximamente.

“Dende o Concello de Nigrán axudamos en todo o que nos está permitido e tamén petamos nas portas de todos aqueles organismos e entidades que, sabemos, queren colaborar para paliar os estragos causados polo lume na propia natureza e tamén na vida das persoas, polo que estamos moi agradecidos a La Caixa”, sinala Juan González, alcalde de Nigrán, quen encomia tamén o traballo realizado pola Comunidade de Montes de Chandebrito para recuperar a súa parroquia e axudar aos veciños. “Temos un compromiso coa comarca e este é un dos xeitos de reverter na sociedade o que ela nos aporta”, trasladou Igor de Las Heras, director da Área de Negocio de CaixaBank en Pontevedra Sur, a Noemí Fialho. “Esta é unha axuda moi importante para nós porque partimos de 0, estamos moi agradecidas”, sinalou Fialho.

Paralelamente, Concello de Nigrán e Comunidade de Montes de Chandebrito continúan co seu traballo para reforestar a zona de monte arrasada polo lume con diferentes accións de carácter educativo e divulgativo. Cómpre recordar que na parroquia só sobreviviron ao lume 2 hectáreas do total de 232 de monte comunal existente.

Anuncios