Anuncios
Ticker de novas

A baionesa Paola Di Pietro Alar estudará en Canadá grazas á Fundación Amancio Ortega

FOTO: CONCELLO DE BAIONA // Paola xunto cos seus pais, o alcalde e a concelleira de Educación.

O Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, e a concelleira de Educación, Beatriz González, ofreceron unha recepción á alumna do Instituto Primeiro de Marzo, Paola Di Pietro Alar, que recibiu unha bolsa da Fundación Amancio Ortega para estudar nun “High School” do estado de Ontario, Canadá, o próximo curso. A alumna acudiu á recepción acompañada polos seus pais.

A baionesa foi seleccionada entre máis de 9.000 candidatos de toda España para gozar da bolsa e foi unha das gañadoras das 500 bolsas da Fundación Amancio Ortega, dirixidas a estudantes de 4º de ESO de centros españois, para estudar Primeiro de Bacharelato nun “High School” en Canadá ou Estados Unidos o próximo curso escolar 2018-2019.

Di Pietro viaxará en agosto a Canadá para cursar Primeiro de Bacharelato nun “High School”, aumentar o seu excelente currículo e para comezar esta gran experiencia.

Este recoñecemento é debido ao seu magnífico expediente académico e ao seu alto nivel no idioma. A adxudicación desta bolsa ten un longo proceso. En primeiro lugar, Paola realizou un exame para coñecer o seu nivel ademais de realizar unha entrevista por videoconferencia completamente en inglés. Tamén se valoraron as súas aptitudes.

“Esta bolsa vai permitirlle gozar dunha experiencia inesquecible ademais de ir creando e aumentando o seu excelente currículo. É un orgullo para Baiona ter a unha alumna como Paola. Desde o Concello celebramos o recoñecemento ao seu esforzo e traballo. Parabén”, sinalaron o Alcalde e a edil.

O programa de Bolsas da Fundación Amancio Ortega ten o obxectivo de facilitar a aprendizaxe do inglés e a inmersión na cultura estranxeira a mozas de institutos e colexios españois durante un ano académico. Os alumnos seleccionados convivirán cunha familia de acollida e cursarán Grao 11 (nivel equivalente a 1º de Bacharelato). A bolsa cobre o 100% do custo do curso escolar ao Canadá ou Estados Unidos: viaxe, taxa de escolarización, convalidación de estudos, aloxamento e manutención nunha familia de acollida, seguro médico e de accidentes, e o soporte durante os dez meses de estancia.

Os requisitos para poder acceder a esta bolsa, entre outros, é cursar actualmente o 4º curso da ESO nun centro educativo en España, ter pasaporte español, non estudar un ano académico ao estranxeiro con anterioridade, ter unha nota media igual ou superior a 7 puntos e unha nota de inglés igual ou superior a 8 puntos ao finalizar o terceiro curso da ESO.

Anuncios