A baionesa Mila López, campioa galega de contrarreloxo en ciclismo adaptado

Mila López conseguiu o ansiado título de campioa no Campionato de Galicia de contrarreloxo individual, celebrado este xoves, Día das Letras Galegas, en Cerceda, e no que se incluíu por primeira vez a modalidade de ciclismo adaptado handbike tanto en categoría masculina como feminina. A deportista baionesa completou o trazado de 15,7 quilómetros nun tempo de 53:07, proclamándose campioa galega de CRI en WH4.

“Hoxe estou contenta e non por ser campioa de Galicia, sexamos realistas, corría eu soa de mulleres en handbike. Estou contenta porque en maio de 2013 corrín a miña primeira carreira, unha carreira popular, e cinco anos despois, por primeira vez hai categoría de ciclismo adaptado nunha carreira oficial de ciclismo”, destaca Mila.

“Ademais corremos nun Campionato con todas as categorías de ciclismo, fomos uns ciclistas máis, 300 ciclistas e nós alí no medio. Se é certo que na crono dábanche envexa como subían as bicis costa arriba, pero nós tamén subimos”, engade a baionesa.

“Grazas á Federación de Ciclismo de Galicia por facelo posible e polo seu apoio para que nestes anos vaiamos crecendo. Seguro que haberá máis carreiras e iremos aumentando os ciclistas das diferentes categorías de ciclismo adaptado”, conclúe Mila.

A BAIONESA MILA LÓPEZ, CAMPIOA GALEGA DE CONTRARRELOXO EN CICLISMO ADAPTADO