
Este xoves, coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, celebrouse a XXIX edición da Festa da Bicicleta. Este tradicional evento chega, como é costume, da man dos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar.
A Real Vila foi nesta ocasión a anfitrioa da celebración. Os primeiros en comezar a ruta foron os ciclistas que se deron cita no Paseo Ribeira, lugar desde o que iniciaron un percorrido de ida e volta, pasando pola Ramallosa, para recoller aos veciños de Gondomar na Praza do Concello. De volta a Baiona, o pelotón de Nigrán, que saíu desde o Pavillón de Panxón, incorporouse na Ramallosa.
Ao finalizar o percorrido os case 1.200 ciclistas de todas as idades congregáronse no Parque da Palma, onde recibiron un pequeno avituallamento para repoñer forzas e onde se realizou o sorteo de agasallos, no que se repartiron tres bicicletas -unha por municipio-, 30 cascos, 30 pares de luvas e 30 botellas.
No acto estiveron presentes os tres alcaldes da comarca, Ángel Rodal, Juan González e Paco Ferreira, ademais das concelleiras de Deportes de Baiona e Gondomar, Mª Jesús Martíns e Nuria Lameiro.
O obxectivo desta marcha ciclista non é outro máis que fomentar a práctica deportiva de todos os cidadáns xa que non se poñen límites para participar, unicamente ter máis de 7 anos e estar capacitado para facer 15 Km. en bicicleta e ter ganas de pasar un día de lecer e diversión en familia, percorrendo as rúas do Val Miñor en compañía dos veciños do Val para celebrar un acto de carácter popular e deportivo.
Como novidade este ano, montouse no Parque da Palma unha gymkana por parte de “La Pedalería” para que os máis pequenos puidesen participar no Día da Bicicleta no Val Miñor.
Para garantir a seguridade dos ciclistas púxose en marcha un dispositivo policial común para todo o Val Miñor así como outro paralelo de Protección Civil, que contou con ao redor de 70 efectivos para asegurar ao máximo a seguridade dos pelotóns.