Terceiro posto para o baionés Brais Gómez no Gran Premio Cidade de Vigo

Brais Gómez Cima conseguiu este sábado un terceiro posto no XLV Gran Premio Cidade de Vigo-Díptico de Galicia. O baionés cruzou a meta na categoría Júnior xunto co seu compañeiro do Club Ciclista Ponteareas Adrián Giráldez, que ocupou a segunda posición. Brais fixo unha gran carreira pero un tirón nunha perna impediu que revalidase o título conseguido o pasado ano. O gañador foi Adrián Barros, tamén do equipo ponteareán.

O programa deportivo aumentou respecto da última edición e os ciclistas volveron competir sobre un circuíto chairo cun perímetro de 900 metros, no tramo comprendido entre a estación de Guixar e a rúa Oporto, con meta á altura do antigo Reitorado. Un escenario apto para a velocidade. A sesión do sábado comezou ás 16:30 horas, entrando en competición as categorías promesa, principiante, alevín, infantil, cadete, júnior e elite-sub23.

O XLV Gran Premio Cidade de Vigo-Díptico de Galicia, organizado polo Club Ciclista Vigués, deu cabida en dobre sesión á totalidade das categorías de formación do ciclismo galego. Fomentar o deporte desde a base e achegar ao público vigués e aos visitantes nesta época do ano o ciclismo, son as razóns que sustentan esta clásica do noroeste peninsular, que volveu contar con ciclistas de Galicia, Asturias, León e Portugal.