CABE muda ao galego os carteis da pista deportiva de As Cercas no Día das Letras

Hoxe o país galego celebra nunha multiplicidade de actos o Día das Letras Galegas, un día para defender, celebrar e reivindicar a nosa lingua e a nosa cultura, patrimonio irrenunciable do noso pobo.

Gondomar Concello Aberto quixo sumarse nesta ocasión cunha actuación na defensa da normalidade da nosa fala. Vai xa case un ano, xuño de 2017, que o goberno municipal puxo unha de pista de deportes enfronte á xefatura da Policía Local, cos dous carteis indicando o uso dunha serie de normas de seguridade da instalación única e exclusivamente en español. “Onde están os dereitos dos nenas e nenos galego falantes? Onde estaba o compromiso na defensa e recuperación da nosa lingua?”, pregúntase Pauliño del Río.

O Grupo Municipal de Gondomar Concello Aberto denunciou esta anomalía e levou ao Pleno unha moción para resolver esta exclusión da nosa fala. Aprobada por unanimidade, o alcalde, Paco Ferreira, incumpriu de novo o acordo plenario. Os carteis continuaron en español.

Ante esta situación, Gondomar Concello Aberto levou a cabo unha acción na defensa da nosa fala e colocou dous carteis en galego na pista deportiva como acto reivindicativo no Día das Letras Galegas.

Dicía Castelao «Estamos fartos de saber que o pobo galego fala un idioma de seu». “Pola normalización da nosa lingua e cultura”, conclúe o voceiro de CABE.

2018-05-17 - IMG-20180517-WA0003