
Os nenos e nenas de 6ºA do CPI de Cova Terreña xa son todos uns poetas. Recentemente presentaron o seu libro “Baiona en rimas, na mirada e na alma das nenas e dos nenos”, que contén poemas elaborados por eles mesmos sobre a súa vila ilustrados con fotografías tamén sacadas polos alumnos, ademais de noticias de prensa sobre a “I Xornada Poética, Enredando Verbas”. Está á venda nas tres librerías de Baiona: Vernet, Candela e Garabato.
O libro foi presentado nas “II Xornadas Poéticas, Versos Salgados”, celebradas o pasado 4 de maio no Liceo Marítimo de Baiona, organizadas polos escolares e nas que participou Antonio García Teijeiro, Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil 2017 e Vigués Distinguido 2018. O público que abarrotou a sala gozou dun percorrido pola vida e obra do autor seguindo o guión elaborado polos propios alumnos, e dos emotivos momentos que se viviron pola sintonía que se estableceu entre eles e o invitado. Os mozos e mozas lograron sorprendelo con moitos detalles sobre a súa vida persoal e profesional, froito dun intenso traballo de documentación.
Foi recibido con música de Bob Dylan, que era a que escoitaba sempre para compoñer os seus poemas. Os mozos contactaron coa discográfica de Paco Ibáñez, gran amigo seu que puxo música a tres dos seus poemas, e Paco (que está de xira) desde Francia enviou un correo cunhas fermosas palabras dedicadas ao seu amigo que os nenos lle entregaron nun sobre pechado e el moi emocionado compartiunas con todos.
Contactaron co equipo de balonmán Teucro de Pontevedra, onde xogou Teijeiro, e desde onde enviaron unha camiseta asinada polo actual persoal que lle entregaron como recordo desa época. Fixeron referencia ao seu blogue “Versos e Aloumiños” de onde escolleron para ler un poema da homenaxeada este ano polas Letras Galegas, María Victoria Moreno.
“Baiona en rimas, na mirada e na alma das nenas e dos nenos”, foi editado por Caino Vasconcellos, pintor e poeta baionés, cumprindo coa promesa que lles fixera aos pequenos na “I Xornada Poética, Enredando Verbas”, celebrada en xuño do 2017. Os mozos leron poemas compostos por eles mesmos sobre a súa vila, as súas rúas, os monumentos, a natureza e o agarimoso mar de Baiona. O éxito obtido serviu de motivación para que as nenas e os nenos completasen a obra ao longo deste curso. Cada poema aparece ilustrado coas fotografías, feitas polos pequenos poetas, que mostran cachiños do lugar onde pasan a súa vida, espazos para o recordo.
Na presentación do libro, ademais de Caino e Luis Alberto Rey Lama, escritor de varios libros sobre a historia de Baiona e responsable da coidada maquetación, estiveron de novo Francisco Álvarez “Koki”, poeta nado na Guarda que vive en Nova York e colabora coa Academia Norteamericana da Lingua Española, e Trini Puentes, persoa involucrada na dinamización de bibliotecas, que un ano máis puxo o broche final musicando e interpretando con estes pequenos poetas uns versos do autor homenaxeado.
O acto serviu ademais de reencontro para Antonio García Teijeiro e Luis Alberto Rey, amigos de mocidade que non se vían desde hai moitos anos, e dúas ex alumnas, unha delas nai dunha das alumnas organizadoras do evento.