O PXOM de Nigrán segue adiante tras a aprobación da cesión no pleno extraordinario

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Pleno de Nigrán.

O Concello de Nigrán poderá retomar os traballos de redacción do PXOM despois de que a cesión do contrato de Eptisa a Alfonso Botana S.L. fose aprobada no pleno extraordinario de hoxe cos votos a favor do goberno, en contra de Nigrán Decide e a abstención de PP, UCN e BNG. A cuestión regresaba dúas semanas despois a pleno tras ampliar o goberno a documentación coa proposta de cesión, tal e como lle solicitara a oposición.

«Agradecemos á oposición o seu sentido da responsabilidade ao non impedir esta cesión, xa que permitirá avanzar no documento de cara a súa aprobación provisional. Do contrario significaría unha paralización de anos moi negativa para todos», sinala o alcalde, Juan González, quen incide en que «este cambio de empresa pero non de equipo técnico garante que o documento se siga a desenvolver segundo os prazos previstos e sen maiores incidencias”. Así, compre sinalar que a adquisición de Eptisa por parte da multinacional chinesa JSTI trouxo consigo un cambio de orientación empresarial ao prescindir da súa sección de planeamento urbanístico e, con elo, da tramitación do PXOM de Nigrán e outros 16 municipios; como consecuencia, a propia Eptisa expuxo a cesión do contrato a “Alfonso Botana S.L.”, a nova empresa formada polo seu director e equipo técnico que agora, tras esta aprobación, retoma os traballos. “Botana ten a nosa máxima confianza porque xa dende Eptisa amosou a súa profesionalidade e compromiso con Nigrán”, insiste González.

O goberno destaca que o documento actualmente se atopa nunha fase moi avanzada, con 1.397 alegacións xa resoltas provisionalmente e que poden ser consultadas polos veciños en Urbanismo. «Dende hoxe o Plan segue cara adiante con todas as garantías formais preceptivas», indica Diego García, edil de Urbanismo, quen aclara que «con esta cesión a legalidade do PXOM xamais se puxo en dúbida por parte dos técnicos municipais porque unha cousa é o propio documento en si e outra o contrato».