Anuncios
Ticker de novas

O Club Ciclista Rías Baixas inicia o seu calendario de voltas en Alacante

FOTO: CLUB CICLISTA RÍAS BAIXAS // O equipo no Gran Premio de Mollados.

Cambio de terzo na tempada do Club Ciclista Rías Baixas. Finalizada a Copa de España o pasado fin de semana co obxectivo cumprido de acabar entre as dez mellores escuadras, a entidade que preside José Luis Chamorro inicia o calendario de roldas por etapas. Desde este venres os corredores miñoranos competirán na Volta Ciclista á Provincia de Alacante.

Antonio “Chava” Angulo e Francesc Zurita lideran o potente bloque que a formación dirixida Iván Rodríguez presentará a beiras do Mediterráneo. O cántabro e o catalán afinaron o seu estado de forma o pasado sábado no GP Vila de Mollados en Valladolid. Angulo terminou segundo e Zurita, décimo.

Estes dúas ciclistas elites, que proceden do campo profesional, non renuncian a nada en Alacante e contarán coa axuda de compañeiros que chegan co ritmo da Copa de España nas súas pernas: Cristian Cuervo, Adrián Escobar, Iván Arribas, o surafricano Eddie Van Heerden, e Jaume Bonnin.

A primeira, de 158 quilómetros, partirá de Alacante e finalizará en Orihuela. A segunda, de 148 quilómetros, unirá a localidade de San Bartolomé con La Nucía, mentres que a última, de 156 quilómetros, comezará en Pilar da Horadada e finalizará en Elxe. Vinte e dous equipos, catro deles estranxeiros, tomarán a saída nesta proba puntuable para o ránking da Real Federación Española de Ciclismo.

Anuncios