
O Concello de Nigrán inaugura este venres ás 21:00 horas o novo parque José Vázquez Grela a carón da Avenida Val Miñor co concerto do acordeonista de Priegue Roberto Comesaña xunto á pandereteira viguesa Leni Pérez. O Nigranés acadou un Grammy no 2016 co tema “Cabaliño” xunto a Cristina Pato, Ángel Pintos e Davide Salvado, ademais de sumar outros destacados recoñecementos na súa longa traxectoria (como o primeiro premio no certame nacional de acordeón na categoría de música popular no 2009). Tras actuar o mes pasado na VII Gala dos Premios Nigrán, nesta ocasión Comesaña une o seu talento a Leni Pérez, integrante de grupos como Pelica de Can, Tanxedoras e Os Escaravellos e moi coñecida por participar durante 11 anos en programas da TVG como Luar levando espazos de folclore tradicional.
O novo parque público sitúase no centro do municipio, na Avenida Val Miñor, ao carón da pequena praza co mesmo nome (correspóndese ao mestre republicano de Nigrán asasinado en 1936, que impartía clases na escola situada nas inmediacións). Este novo lugar de recreo conta cun investimento de 50.600 € a cargo do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra e se ampliará nun futuro con 3.530 metros cadrados máis procedentes da cesión de zona verde da urbanización que está a desenvolver “Promociones Montegaliñeiro” (lindeiro co parque).