Anuncios
Ticker de novas

O IES Auga da Laxe participará na terceira edición de “DepoRúARTE”

Todo está preparado para a terceira edición do programa “DepoRúARTE”, destinado á mocidade da provincia de Pontevedra, e que este 2018 chega con moitas novidades porque terá como eixo central a arte urbana e terá como slogan “Pintando Alternativas”. Así, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, anunciou que “este ano damos un xiro que supón un verdadeiro salto cualitativo, facemos un programa moito máis potente”.

Esta nova edición do programa “DepoRúARTE estará focalizada en dez institutos da provincia, que serán os escenarios nos que se deseñarán obras artísticas, froito dunha reflexión previa e debate do alumnado, que serán trasladadas aos muros dos patios e recintos educativos. Carmela Silva sinalou que “con esta iniciativa queremos educar na arte urbana para que os nenos e as nenas poidan diferenciar perfectamente entre o que é arte e o que é vandalismo urbano”. Silva tamén falou da arte urbana, da que explicou que “está a supor unha verdadeira revolución, e así podémolo constatar en cidades como Lisboa, Bristol, Lyon ou Nova York, onde ocupa un espazo moi relevante da acción política e da recuperación dos espazos públicos”.

En concreto, os dez centros educativos que participarán no programa serán o IES Pazo da Mercé (As Neves), IES de Barro (Barro), IES María Soliño (Cangas), CPI Aurelio Marcelino Rey García (Cuntis), IES Chano Piñeiro (Forcarei), IES Auga da Laxe (Gondomar), IES Laxeiro (Lalín), IES de Meaño (Meaño), IES Ribeira do Louro (O Porriño) e o IES Barral (Ponteareas).

Con “DepoRúARTE 2018 o alumnado dos centros debuxarán ilustracións adaptadas aos seus intereses, preocupacións e inquedanzas. Sobre isto, Carmela Silva resaltou que “pretendemos que sexan obxecto destes obradoiros temas relevantes socialmente como a igualdade, a cooperación ao desenvolvemento, a homofobia ou o medio ambiente”.

En cada un dos centros levaranse a cabo catro sesións de debate e reflexión, coordinadas polo equipo de traballo en colaboración coas persoas traballadoras dos centros, co obxectivo de ofrecer ao alumnado participante unha formación básica que dote de recursos para identificar e analizar dun xeito crítico de problemáticas sociais co fin de afondar no papel da arte urbana como ferramenta de cambio social.

Posteriormente realizarase unha xornada de preparación da superficie a intervir no centro escolar (por parte do equipo de traballo), unha xornada de intervención colaborativa na que os alumnos e alumnas seleccionadas polo centro pintarán a superficie escollida xunto ao equipo de traballo e finalmente o equipo de traballo empregará as xornadas que resulten necesarias para que o mural quede debidamente rematado.

O primeiro centro en comezar a traballar será o IES Barral de Ponteareas, a partir do vindeiro 18 de maio. En xuño, antes de que remate o curso, serán os centros IES María Soliño de Cangas, e o IES Chano Piñeiro (Forcarei). Os sete seguintes serán a partir de setembro e antes de finalizar o ano, durante o primeiro trimestre do seguinte curso escolar.

Anuncios