Sin categoría

O BNG de Gondomar leva a pleno unha moción a prol da ILP por unha Lei de Montes Veciñais

O Bloque Nacionalista Galego vén de rexistrar no Concello de Gondomar a moción remitida pola Organización Galega de Comunidades de Montes Veciñais en Man Común (ORGACCMM) a prol da Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) por unha nova Lei de Montes Veciñais en Man Común.

Dado que o Concello de Gondomar carece dun Regulamento de Participación que permita ás entidades sociais e veciñais presentar directamente as súas iniciativas á consideración do Pleno Municipal, estas deben ser canalizadas a través dos grupos políticos con representación no Concello. Por esta razón, o BNG presenta a moción para asegurar o seu debate, mais, na súa liña de procurar a máxima participación veciñal solicita que a mesma sexa exposta por unha persoa representante da ORGACCMM.

Así mesmo, avogará por que se lle dea o apoio unánime á moción e, polo tanto, á Iniciativa Lexislativa Popular (ILP) promovida pola ORGACCMM para a elaboración dunha Lei de Montes Veciñais en Man Común. Na procura deses obxectivos, a Portavoz do BNG, Manuela Rodríguez, solicitou a convocatoria da Xunta de Voceiros para facer unha posta en común ao respecto da moción previa á celebración do Pleno.

O BNG, a través da súa propia Portavoz Nacional, Ana Pontón, e do grupo parlamentar, xa ten trasladado á Organización Galega de Comunidades de Montes a súa coincidencia nos obxectivos da ILP que promoven: reforzar o modelo de titularidade veciñal e o funcionamento democrático e asembleario das Comunidades de Montes; recoñecer os montes veciñais como unha figura de protección medioambiental e cultural en si mesma; considerar como aproveitamentos e usos actuais do monte todos os que nel se dan; e acadar un monte veciñal multifuncional e sustentábel ao servizo da veciñanza comuneira e da sociedade no seu conxunto.