Anuncios
Ticker de novas

A Festa da Bicicleta do Val Miñor espera reunir a mil persoas este xoves

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Presentación da 29ª Festa da Bicicleta do Val Miñor.

Esta mañá tivo lugar a presentación da XXIX edición da Festa da Bicicleta que se celebrará o vindeiro xoves 17 de maio. Na proba participarán veciños e veciñas dos tres Concello do Val Miñor. Estímanse que participen ao redor dunhas 1.000 persoas dos Concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar.

Esta edición está organizada polo Concello de Baiona. Javier López, Técnico de Deportes, foi o encargado de explicar as características técnicas da proba. “Os primeiros en saír serán os participantes de Baiona, ás 10:15 da mañá desde o Parque da Palma, para realizar o percorrido ata Gondomar, onde recollerán aos ciclistas do municipio ás 11:00 na Praza do Concello. A saída desde Nigrán será ás 11:30 desde o Pavillón de Panxón, para atoparse os pelotóns dos tres municipios na Ramallosa e comezar o percorrido todos xuntos ata o Parque da Palma de Baiona”.

Pola súa banda, o anfitrión da festa, o Alcalde de Baiona, Ángel Rodal, destacou que “o obxectivo desta marcha ciclista non é outro máis que fomentar a práctica deportiva de todos os cidadáns xa que non se poñen límites para participar, unicamente ter máis de 7 anos e estar capacitado para facer 15 Km. en bicicleta, levar casco, e ter ganas de pasar un día de lecer e diversión en familia, percorrendo as rúas do Val Miñor en compañía dos veciños do Val para celebrar un acto de carácter popular e deportivo”.

Rodal tamén agradeceu ao establecemento “La Pedalería” de Baiona a súa implicación coa festa xa que “a novidade deste ano será que se montará no Parque da Palma unha gymkana a partir das 11:00 por parte de “La Pedalería” para os máis pequenos e así desta maneira facer que todos eles independentemente da idade poidan participar do Día da Bicicleta no Val Miñor”.

O Alcalde de Baiona tamén agradeceu ao Club BTT Monte Boi a súa implicación coa proba xa que irán acompañando ao pelotón de ciclistas durante o traxecto.

Entregarase á totalidade de participantes un pequeno avituallamento para repoñer forzas. Ademais, tamén se fará entrega dunha bolsa reflectora para que cada un leve ás súas costas e sexa visible na estrada.

O broche final á celebración poñerase co sorteo entre os participantes de tres bicicletas, unha por cada Concello da Mancomunidade do Val Miñor, así como 30 cascos e 30 pares de luvas.

Para garantir a seguridade dos ciclistas ponse en marcha un dispositivo policial común para todo o Val Miñor así como outro paralelo de Protección Civil, que contará con ao redor de 70 efectivos para asegurar ao máximo a seguridade dos pelotóns.

As inscricións realizaranse 40 minutos antes da saída en cada un dos tres puntos o mesmo día do evento, momento no que se entregará o dorsal, cuxo número valerá para participar no sorteo de agasallos.

Anuncios