
Brais Gómez Cima, do Club Ciclista Ponteareas, conseguiu este sábado a vitoria no XII Premio Ciclista do San Isidro – Trofeo Suso Blanco Villar, organizado polo Club Ciclista Padronés Aluminios Cortizo co nome do que foi gran ciclista galego e actual director deportivo da entidade, desde a que promove a emerxencia de novas figuras do ciclismo.
O bandeirazo de saída deuse ás 10:00 da mañá fronte ao Concello de Rois, na Coruña, coa participación de 35 corredores Júnior e 49 da categoría Máster, que tiveron que completar un circuíto de 46 quilómetros por Antequeira, A Pontenova, Oín e Samil.
O baionés subiuse ao máis alto do podio na categoría Júnior, completando o percorrido en 1:13:54. Mario García Ontiyuelo, da Fundación Óscar Pereiro, cruzou a meta 1 minuto 47 segundos despois, e Jorge Suárez Fernández, do Cidade de Lugo, catro segundos despois do segundo clasificado, pechando o podio en terceira posición.