Sin categoría

O “banco para o mundo” de Gondomar estará nas inmediacións do Castro da Pedra Moura

Non se trataba dun concurso de fotografía, senón de procurar o emprazamento máis acaído para situar “Un lugar para un banco”. O obxectivo é procurar imaxes de lugares de Gondomar, onde as Vistas Panorámicas do Concello , do Val Miñor ou da Costa invitasen a repousar, a deter o tempo, a sentarse para contemplar sen reloxo o espectacular panorama que se presenta diante dos nosos ollos.

As votacións non deixaron lugar a dúbida e o lugar escollido está na parroquia de Borreiros, nas inmediacións do Castro da Pedra Moura. Dos 539 votos validados, o 64% decantouse por esta localización sumados os votos das tres fotografías seleccionadas deste lugar. Por tanto, o emprazamento elixido para a colocación do «Banco para o Mundo» será nos arredores do Castro de Pedra Moura, na parroquia de Borreiros.

A foto gañadora por votación en liña foi a de José Iglesias Estévez, titulada «Vista do Río Miñor, Baiona, Lourido, Monteferro, Illas Estelas, Illas Cíes e Cabo Home | Castro de Pedra Moura (Borreiros)” , acadando un total de 154 votos e por tanto gañador do diploma acreditativo, así como dunha cea para dúas persoas, cortesía da Tapería Rural Ardora en Gondomar.

O gañador do sorteo dun móbil libre Primux Delta 6 cortesía de Expert Gondomar foi Javier Lorenzo. O concello poñerase en contacto cos gañadores para a entrega dos correspondentes premios.

“Grazas aos participantes no concurso “Un Banco para o Mundo”, dispomos dunha fermosa colección de vistas panorámicas desde os máis diversos puntos xeográficos do concello, polo que lles estamos moi agradecidos”, sinala Xosé Antón Araúxo, concelleiro de Comercio e Turismo.

Como curiosidades estatísticas, Araúxo destaca que o concurso tivo máis de 3500 entradas na web, e que rexistráronse votos chegados dende os lugares máis insospeitados: Australia, Mozambique, EEUU ou Xapón. Aínda que como é lóxico, a maioría dos votos emitidos dende o estranxeiro, procedían de Latinoamérica, de onde chegaron 56 votos válidos.