Sin categoría

Gondomar desexa sorte aos seus pilotos e copilotos no Rallye Rías Baixas

O alcalde de Gondomar, Paco Ferreira, e a concelleira de Deportes, Nuria Lameiro, recibiron este xoves aos pilotos e copilotos gondomareños que participarán desde hoxe no 52º Rallye Recalvi Rías Baixas, con dous tramos espectaculares o venres en Donas/Mañufe e o sábado en Morgadáns, con reagrupamento no centro urbano. O rexedor deulles o parabén e desexoulles moita sorte este fin de semana.

Alberto Meira ocupa o terceiro posto tras os Rallyes da Coruña e Noia e preséntase como un dos grandes favoritos a alzarse co triunfo. Esta representa a carreira máis importante do ano, pero por encima de todo están os especiais recordos que esta proba esperta no piloto de Vincios, desde os albores da súa afección polo motor, ata a súa formidable vitoria na edición de 2012, cando foi capaz de superar aos principais equipos do Campionato de España.

Ezequiel Salgueiro chega ao “Rías” como Campión Galego de RallyMix 2017, na Agrupación 4 (vehículos de cilindrada comprendida entre 2.000 e 3.000 centímetros cúbicos). Natural de Vilariño aínda que residindo na actualidade en Peitieiros, exercerá de copiloto de Diego Vila.

Jose Luis Casellas, de Morgadáns, participará acompañado por María Caride de copilota, nun Mitsubishi EVO VI.

Adrián Costas é de Donas, pero actualmente vive en Cantabria, onde traballa de mecánico nun prestixioso equipo que conta cun elevado número de vehículos que disputan o Campionato de España. Nesta proba sae acompañado de novo por Sara Fernández, copilota cántabra campioa da Copa Suzuki, actualmente correndo no europeo de rallies, despois de competir o ano pasado en Francia. Adrián corre probas soltas en Cantabria cun Saxo, co que se ten metido entre os 10 primeiros postos.

Modesto «Tito» Pontes debutou o ano pasado cun Subaru Impreza STI no Sur do Condado, aínda que previamente xa participara en probas de Portugal.

Juan José Rodríguez e Estrella Gradín son pilotos habituais neste tipo de citas co seu Ford Escort MKII, un vehículo de tracción traseira moi espectacular que sempre fai vibrar aos espectadores.

David Domínguez, piloto de Prado, é un habitual nas citas da zona, como o Rally Sur do Condado. No seu Opel Astra GSI estará acompañado por Brian Garrido.

Diego Otero e Unai Conde, de Vincios, é un equipo debutante no Rallye Rías Baixas. Tras o seu paso por probas en circuíto en Portugal e experiencia en gymcanas en vehículos tamén de tracción traseira, non querían perderse o regreso do “Rías”.

Adrián Méndez, veciño de Gondomar desde fai un par de meses, será outro dos debutantes nesta proba. Farao xunto con Diego Rodríguez nun BMW 325I E36.

Finalmente, Juanma Freiría, de A Fraga en Vincios, quen tras o seu paso por Autocrós e RallyMix, onde demostrou ser moi rápido cun coche de escasa preparación, pásase aos rallies de asfalto tras a compra da súa montura, un Citroën Saxo. Juan Salgado será o seu copiloto.