Ethel Vázquez destaca que o investimento de 1,2 millóns en Baiona contribúe a abrir a vila ao mar

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Visita á nova rotonda do porto pesqueiro e ao novo carril bici do Paseo de Alfonso IX.

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, destacou hoxe o investimento de 1,2 millóns de euros no concello de Baiona, que contribúe a abrir a vila ao mar, á vez que permite mellorar a seguridade viaria e a mobilidade sustentable dos veciños e a todas as persoas que visitan este municipio.

Vázquez Mourelle, xunto co delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, e o alcalde de Baiona, Ángel Rodal, supervisou o final das obras de reforzo da seguridade viaria e de mellora da mobilidade executadas na PO-552, a estrada Vigo-Tui, ao seu paso por este concello.

A conselleira detallou os traballos realizados para conseguir a reordenación do tráfico, incrementar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade na travesía de Baiona. As actuacións, cun investimento de ao redor de 700.000 euros, incluíron o reforzo do firme da estrada nun treito de 3 quilómetros, a construción dunha nova glorieta para favorecer o acceso ás instalacións da lonxa e do porto deportivo, e a execución dunha senda peonil e ciclista no Paseo Marítimo que une este punto co acceso ao Parador.

Segundo explicou a titular do departamento de Infraestruturas, realizáronse ademais unha serie de actuacións complementarias moi ambiciosas. Entre elas, acondicionar a zona para taxis e autobús, manter a continuidade co itinerario peonil e ciclista xa existente, a construción de zonas de estancia e recreo, así como a renovación da iluminación pública e colocación de novos puntos de luz e de mobiliario urbano.

Referiu que nestes días completaranse os traballos na zona, coa instalación de semáforos, a colocación dunha varanda e bolardos e a mellora dos pasos de peóns no Paseo Marítimo. Actuacións, subliñou, que redundarán aínda máis na seguridade de peóns e usuarios.

Ethel Vázquez destacou que todas estas actuacións permiten mellorar toda a contorna, estando a punto -tras 6 meses de obras- para o inicio da nova tempada estival. “Época do ano, na que o municipio rexistra maior afluencia de turistas e visitantes, que atoparán un novo espazo con maiores garantías para vehículos, peóns e ciclistas”, dixo.

“Reordenamos a zona e abrimos Baiona ao mar, creamos unha alameda de 500 metros cadrados onde antes había un punto negro de colectores e habemos ampliando en 250 metros o carril-bici ata Alfonso IX. Conseguimos crear unha zona de desfrute para os veciños que conta con zona verde e conseguimos un obxectivo fundamental, o de mellorar a mobilidade, de vehículos e peóns, á vez que melloramos a imaxe da nosa vila”, apuntou o Alcalde.

Estas intervencións, xunto cunha nova senda no treito da praia de Santa Marta, na que se investirán 555.000 euros, supoñen un total de máis de 1,2 millóns de euros.

Anuncios