O Rallye Rías Baixas volve este venres e sábado con récord de inscrición

FOTO: RALLYE RÍAS BAIXAS // Meira no parque de reagrupamiento en Gondomar.

Este martes presentouse o 52 Rallye Recalvi Rías Baixas, que regresa ás estradas de Vigo e da súa área de influencia dentro do Campionato de Galicia de Rallyes sobre asfalto 2018.

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañado por Chema Rodríguez, director xeral de Recalvi e «promotor do rallye», como explicou o rexedor, do presidente da Federación Galega de Automobilismo, Iván Corral, do edil de Deportes, Manel Fernández, e de dous pilotos de referencia como o histórico Beny Fernández e Alberto Meira, valorou o pulo dado por Rodríguez a esta histórica proba pois «ten moito que ver na nosa presenza no rallye e en que todo isto marche por tan bo camiño».

Porque a proba, que se disputa este venres 11 e sábado 12 (parque pechado en Samil, onde terá lugar a entrega de trofeos a noite do sábado, e presenza dos vehículos en Príncipe o venres polo serán), volve coa máxima expectación entre os pilotos. «Partimos dunha inscrición incrible, limitada a 150 coches por cuestións de horario porque senón se colapsaría», explicaba Rodríguez, que lembrou que o Rías é «unha proba deportiva de tanta tradición, das máis importantes de Galicia». Ademais, sostivo que «sen eles» (por Concello e Deputación) «o rallye non se tería retomado».

Caballero, pola súa banda, «contento con este rallye», incidiu en que «nos incorporamos para a potenciación do rallye e do automobilismo e queremos a presenza do rallye na cidade». Os 150 vehículos inscritos estarán en pleno centro, en Príncipe, «para que se lles vexa ata que saian para Gondomar a iniciar a carreira», explicou. A previsión de partida do parque pechado de Samil é este venres ás 18:20 horas cara a Porta do Sol. O único tramo cronometrado desa primeira xornada será en Gondomar ás 19:43.

O alcalde confía en que se verá «un gran rallye polo medio destes dous actos en Príncipe e a entrega de premios en Samil». E desexou «moi longa vida ao rallye e os mellores éxitos a quen participa».

Recalvi, patrocinador privado principal do evento, anunciou tamén os plans de futuro: «Foi a mellor proba de España de rallyes nos últimos anos e é fantástico volver retomalo. Sen a axuda do Concello e a Deputación non se podería facer e a idea é consolidalo o ano que vén, volver ás cotas que tiña anteriormente e achegalo aínda máis a Vigo».

A formulación é poder realizar en 2019 «un tramo urbano como se facía en Samil ou no Castro hai anos».

Caballero e Rodríguez tamén destacaron a figura do presidente federativo, Iván Corral, «que foi un dos que empurrou para que esta proba saíse adiante». O alcalde, ademais, pechou o acto chanceando sobre os dous pilotos asistentes. «Non son malos, non». O vigués Beny Fernández conquistou o Rías en 1981, 1982 e 1983, unha fazaña non conseguida por ninguén máis, e o gondomareño Meira, en 2012.

A nova edición do rallye máis antigo de Galicia (1963) é a terceira de nove probas puntuables para o Galego de rallyes sobre asfalto, que vai de febreiro a novembro. Xa se disputaron os rallyes de Narón e A Coruña.

Serán 97,90 quilómetros contra o reloxo en cinco seccións e nove tramos cronometrados (en catro das seccións o tramo vaise pasar dúas veces). Vigo, Gondomar, O Porriño, Ponteareas, Salceda de Caselas, Mondariz e Covelo son os concellos que toca o rallye.

A proba puntúa, ademais de para o Galego de rallyes, para a Copa Galicia de pilotos, de copilotos e de escuadras e para catro copas de promoción (Copa Top Ten Pirelli-Castrol / Volante F.G.A. – 2ª Promoción Xoven Piloto 2018 de Galicia / Copa Pirelli AMF MotorSport / Copa Iniciación Recalvi).

O rallye conta con 7.600 euros en premios que se reparten entre os seis primeiros da xeral e os tres primeiros de cada unha das cinco agrupacións (categorías en función do tipo de vehículo). Da cantidade total, 1.600 euros son para o equipo campión.

MAPA DE PERCORRIDO

ITINERARIO HORARIO

LISTA DE INSCRITOS

PRESENTACIÓN DO 52º RALLYE RÍAS BAIXAS
FOTO: CONCELLO DE VIGO // Presentación do 52º Rallye Rías Baixas.
Anuncios