En marcha as obras da Deputación na estrada Chaín-Morgadáns en Gondomar

FOTO: DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA // Obras na estrada Chaín-Morgadáns.

O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra ten xa bastante avanzadas as obras de mellora da estrada de Chaín-Morgadáns en Gondomar que supoñen un investimento de máis de 406.303 euros. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que a empresa Nexia Infraestruturas, aproveitando o bo tempo das últimas xornadas, xa fixo os traballos de fresado do firme en mal estado e estendeu a primeira capa de aglomerado. Previsiblemente, nos vindeiros días desta semana poderase executar a capa superficial.

A actuación na EP-2302 consiste principalmente nunha rehabilitación estrutural do firme que presentaba importantes deficiencias co fin de mellorar a seguranza viaria da estrada. Ata o de agora fresouse boa parte da lonxitude da vía para despois aplicar a rodadura en diferentes fases, con tratamentos antiesvaradíos.

Como complemento, tamén se instalarán medidas de calmado do tráfico: seis pasos de peóns sobreelevados (PPS ou máis coñecidos como “lombos”) e nova sinalización horizontal e vertical. Se o cronograma de traballos segue como ata o de agora é previsible que se remate neste mes, o que permitirá recuperar o tempo perdido e finalizar o proxecto dentro das datas previstas inicialmente: a obra ten un prazo de execución de tres meses e a finais de febreiro foi obrigado asinar acta de inicio negativa debido ás condicións meteorolóxicas.

As obras desta actuación do departamento de Uxío Benítez completan un convenio entre o concello e o anterior goberno provincial que incluía a construción de pequenas beirarrúas, das que boa parte quedaron sen facer por non haber cesión de terreos. O propio Concello recoñeceu que esas beirarrúas incumprían os actuais criterios da nova Deputación para os itinerarios peonís e non eran funcionais, polo que se descartou continualas e se solicitou seguir coa mellora da estrada actuando no firme da calzada.

2018-05-08 - OBRAS CHAÍN MORGADÁNS2

Anuncios