Nigrán ofrece tres bolsas de prácticas de información turística nas oficinas municipais

FOTO: CONCELLO DE NIGRÁN

O Concello de Nigrán abriu dende hoxe e ata o 13 de maio o prazo de solicitude para participar no proceso de selección de tres bolsas de estudios para prácticas de información turística nas oficinas municipais. Trátase dunha bolsa de seis meses (do 1 de xuño ao 30 de novembro, ambos inclusive) e dúas de tres meses (do 15 de xuño ao 15 de setembro, ambos inclusive) cunha dotación de 800 euros mensuais e un horario de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas, de luns a domingo. As titulacións posibles que se requiren son Técnico Superior en Guía Información e Asistencias Turísticas ou Técnico Superior de Información e Comercialización Turística ou Diplomatura en Empresas y Actividades Turísticas (títulos obtidos no ano 2008 ou con posterioridade).

O proceso de selección desenvolverase en dúas fases, a primeira de concurso e valoración da documentación presentada polos aspirantes e a segunda de proba práctica oral (unicamente para os que acaden maior puntuación na fase de méritos) que versará sobre o coñecemento do aspirante do Concello de Nigrán e o nivel de lingua inglesa. As tres persoas con maior puntuación no conxunto do proceso selectivo serán as propostas para cubrir as bolsas.