Chapas contra o acoso escolar para os alumnos do CPI Cova Terreña de Baiona

A Garda Civil de Pontevedra iniciou este luns unha campaña de repartición e distribución de chapas institucionais personalizadas nos centros de ensino, que inclúe unha mensaxe, a modo de slogan, contra o acoso escolar: “Para meterte cun compañeiro – Comigo non contes”.

O centro escollido para a súa posta en marcha foi o CPI Cova Terreña de Baiona, onde 70 alumnos de 5º e 6º de Primaria participaron nunha charla informativa sobre o acoso escolar que impartiron dous efectivos do Posto Principal da Garda Civil de Baiona-Nigrán. Ao finalizar, cada un dos escolares recibiu a súa chapa. Con esta iniciativa preténdese reforzar a sensibilidade dos mozos para erradicar o acoso escolar.

“Coas chapas o obxectivo que buscamos non é outro que reforzar a mensaxe das distintas charlas que estamos a dar nos colexios en contra do acoso escolar. Pensamos que é unha imaxe impactante, un slogan tamén que pode chegar a calar sobre todo nos acosadores”, sinalou José Corral, Comandante do “Plan Director para a Convivencia e a Mellora da Seguridade nos Centros Educativos e as súas Contornas” no que se enmarca a campaña.

“Nós somos optimistas –continuou Corral- e xunto coa comunidade educativa, que estamos a traballar de xeito conxunto con eles, pensamos que as charlas de formación son positivas. O que pretendemos é que con todas estas mensaxes que reciben os mozos, primeiro a través dos seus pais, a través do colexio, doutros organismos e sobre todo tamén a través da Garda Civil, a algúns polo menos convencerémolos de que o acoso escolar non pode existir”.

Jose Ángel Fernández Fontenla, Garda Civil destinado no Posto Principal de Baiona-Nigrán, explicou que o obxectivo da charla é facerlle chegar ás vítimas que ante esa situación cónteo, e aos autores que se trata dun delito e que empaticen un pouco coa vítima, poñéndose no seu lugar. “Sobre todo facer moito fincapé nos observadores, que son os compañeiros de clase do centro, que coñecen quen é a vítima, quen é o agresor, e dicirlle que esas situacións teñen que quedar fóra do ámbito escolar. Hai que botar unha man e axudar ao que o necesita, que é unha situación inxusta que está a vivir un compañeiro ou unha compañeira e facerlle entender que non está ben facer ese tipo de cousas”.

Os dous axentes encargados de impartir as charlas, poñen aos novos exemplos de todo tipo, mesmo situacións tan extremas como pode chegar a ser o suicidio dalgún menor que houbo en España por ser vítima de acoso. “Eu creo que a mensaxe lles chega, ou iso tentamos”.

A directora do colexio, Isabel Martínez Cabaleiro, sinalou que “dentro dunha política de formación que temos no centro, tanto en Primaria como en Secundaria, na que formamos todos os anos ao alumnado sobre os problemas do acoso escolar, ademais temos o grupo de mediadores para resolver problemas de confrontamiento e facer unha resolución pacífica, ademais do coro, que tamén favorece a convivencia escolar no centro”.

Martínez Cabaleiro destacou que “agora son capaces de manifestar o que lles está pasando, iso tamén é tratado con proximidade co equipo directivo, as titorías e trabállase diariamente para que non teñan inconvenientes para falar connosco e dánselle moitísimas vías, caixas de correos se suxestións, grupo de mediación, mediadores, titorías, xefa de estudos, dirección, necesitamos saber o que pasa para poder actuar”.

Ao finalizar a charla, preto de 150 alumnos de Educación Infantil e 1º e 2º de Primaria asistiron a unha exposición de material e medios de distintas unidades de Seguridade Cidadá, Seprona e Servizo Cinolóxico. Un dos obxectivos desta actividade era fomentar nas nenas e os nenos do noso centro vocacións, profesións que non son típicas de mulleres ou que non estamos afeitos ou non asociamos co xénero feminino, como ser membro da Garda Civil neste caso”, concluíu a directora do Cova Terreña.