Un total de 70 mozos mexicanos de entre 15 e 25 anos iniciaron a súa camiñada a Santiago de Compostela desde Baiona. Saíron da oficina de turismo e dirixíronse á Ex-Colexiata de Santa María para selar as súas credenciais. Foron recibidos polo Alcalde, Jesús Vázquez Almuiña. O rexedor enxalzou as marabillas do municipio e informou aos mozos das bondades do Camiño Portugués da Costa. Tamén resaltou durante a recepción que “Baiona sempre xoga un papel principal de acollida e este caso non ía ser diferente”.
Ademais, Vázquez Almuiña recalcou que “é para min un orgullo recibilos e poder facerlles de anfitrión na súa estancia na nosa vila que cada vez é máis internacional, convidándoos a que sexan os nosos novos embaixadores unha vez regresen aos seus países de orixe, xa que se levaron unha grata impresión desta vila”. O grupo chega da man da Axencia “El Camino”.
Os peregrinos son un grupo de mozos que veñen facer o camiño de Santiago iniciándoo desde Baiona, chegarán a Compostela o próximo día 31, para despois dirixirse a Lisboa á xornada mundial da mocidade, que se celebrará do 2 ao 6 de agosto. Trátase de dous grupos: o club de kaiak de Culiacan e Northridge School de cidade de México.



