As invitacións para a Festa dos Maiores de Baiona poderán recollerse desde o luns

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Festa dos Maiores de Baiona.

O Concello de Baiona, a través da Concellería de Benestar, celebrará o xoves día 31 de maio a tradicional Festa dos Maiores. O alcalde, Ángel Rodal, enviou unha carta informativa a todos os fogares con persoas empadroadas no municipio que naceron no ano 1952 ou en anos anteriores. Estes poderán ir acompañados pola súa parella tanto por matrimonio ou convivencia a condición de que esta condición figure no padrón municipal.

A partir do próximo luns, 7 de maio, as persoas que cumpran os requisitos poderán recoller as invitacións en Atención ao Cidadán (oficina fronte á Policía Local) en horario de 12:00 a 14:00 horas, ata o venres 25 de maio, máis tarde desta data non se dará ningunha invitación. Para a entrega da invitación deberán levar consigo o DNI.

A entrega de invitacións suspenderase antes do 25 de maio se o aforamento do restaurante xa estivese completo. Neste caso farase unha lista de reserva por orde de inscrición. Anotarase se farán uso do autobús, e desde que parroquia. Para os que vaian en coche propio, o restaurante permanecerá pechado ata que cheguen os autobuses. Unha vez alí, deberán presentar o seu carné de identidade xunto coa invitación. O que non o faga non poderá asistir á festa.

O programa iniciarase ás 12:30 horas coa celebración dunha eucaristía na Ex-Colexiata de Baiona. Ao finalizar o acto relixioso, os participantes participarán nunha comida de irmandade. A continuación, como en edicións anteriores terá lugar un animado baile que se prolongará ata as 18:30 horas. A partir das 11:30 os autobuses pasarán a recoller ás persoas polas paradas habituais das parroquias de Baredo, Baíña, Belesar e Santa Cristina da Ramallosa.

Para maior información poderán poñerse en contacto con Mónica Martínez, no teléfono 986 38 50 50. Por teléfono non se farán reservas.