A Deputación concede a Nigrán un préstamo sen xuros de 369.000 € para a nova biblioteca

O goberno provincial da Deputación de Pontevedra aprobou este venres a concesión de préstamos sen xuros a outros seis concellos da provincia. Os beneficiarios son Catoira, Fornelos, A Guarda, Oia, Nigrán e Ponte Caldelas por importe de 1.482.861,1 euros. O Concello de Nigrán recibirá 369.905,05 € para que poida financiar a execución da nova Biblioteca Municipal.

Estes préstamos facilitan aos concellos unha fonte de financiamento coa que poder afrontar a execución de investimentos incluídos en plans provinciais ou municipais ou en programas de investimentos con outras administracións. Co novo goberno da Deputación, estas operacións non teñen xuros, nin comisións, nin gastos doutro tipo, algo que non acontecía no pasado, cuxos intereses estaban situados no 2%.