A ANPA Balcaxia do IES Primeiro de Marzo de Baiona mostra nun comunicado a súa satisfacción “despois de demostrarse que tiñamos razón na nosa alegación e queremos agradecer ás persoas, ANPAS e políticos que nos apoiaron e axudaron a buscar solución ao problema do transporte”, destacando ademais que de novo “queda patente que as reivindicacións políticas coa organización e a unión dos veciños fai posible que se solucionen os problemas”.
Así, hoxe no pleno do Concello de Baiona aprobouse, por unanimidade, unha moción do PP de reducir nun 50% a asignación aos partidos políticos para a subvención do transporte ao instituto. Dende o ANPA están “netamente agradecidos” de que a corporación municipal cumprira coas súas demandas.
Sen embargo, sinalan no comunicado que “chama moito a atención que fose o PP quen propoña esta iniciativa despois de rexeitar as nosas alegacións argumentando que o transporte non é unha competencia municipal e despois dunha manobra de desprestixio cara a nosa ANPA cunha presión social ás ANPAS e direccións dos centros de ensino para que non lles tocasen os salarios. Agora si parece que o transporte, como por arte de maxia, xa é competencia municipal”.
De igual modo mostran sorpresa pola unanimidade “xa que, tan só o BNG apoiou que non se inadmitise a nosa alegación”.
“Prodúcenos xenreira e creemos que é un insulto ao noso traballo esta manobra do PP de Baiona. Tivo 7 meses para solucionar o problema, andou xogando e mareándonos, non fixo caso das nosas peticións e agora, cunha iniciativa practicamente copiada da nosa, pretenden ser os protagonistas das nosas reclamacións”, engaden.
Finalmente, consideran que “o importante era solucionar o problema, e, aparentemente, salvo sorpresa ou letra pequena, debería estar arranxado”. Con todo, desde a ANPA Balcaxia consideran e temen que isto sexa un parche. “Estudaremos o tema, informaremos aos veciños e seguiremos traballando polo ben dos nosos fillos”.

