UCN facilitará a cesión do PXOM se o goberno presenta unha proposta axustada a dereito

O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz Antonio Fernández Comesaña, considera que ante a proposta errada do pasado pleno na que o goberno local pretendía a cesión do contrato do PXOM de Eptisa S.L. a Alfonso Botana S.L, o alcalde Juan González pretende xustificase facendo da necesidade unha virtude, ao darse conta da metedura de pata e que a súa proposta podería ser rexeitada, optou por aceptar a proposta da oposición de quedar sobre a mesa e formular unha nova axustada a dereito, incluso celebrando un pleno extraordinario como propuxo o partido independente.

Ademais, na Comisión Informativa de Asuntos Xerais improvisouse sobre a marcha e cambiou a orde do día, pasando de dar conta do expediente, a someter a ditame unha proposta inexistente de cesión de contrato do PXOM -substituída por unha verbal do alcalde-, que só contou co apoio do PSOE, e mesmo negándose a votala o BNG.

UCN lamenta a teimosía do alcalde en someter á aprobación do Pleno un asunto tal sensible e importante como é a cesión do contrato do PXOM, sen contar tan sequera cunha proposta de acordo motivada e axustada a dereito, sen parte expositiva e incumprindo o art. 97.1 do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais, e sen axustarse tampouco ao previsto no art. 88 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común, e ademais, sen informes xurídicos solventes que de aprobarse, levaría ao documento urbanístico a unha inseguridade xurídica moi preocupante. “Sorprende que o alcalde pida responsabilidade á oposición cando el parece non tela”, afirma Fernández Comesaña.

UCN recoñecendo o momento transcendental en que se atopa o PXOM, e sendo moi crítico en diversas ocasións pola lentitude inxustificada, tanto pola anterior Ute Arnaiz-Tinsa S.A., como a actual Eptisa, -contando coa complicidade do concello-, e que despois de case 25 anos de tramitación agora atópense ante un dilema: ou tirar para adiante co mesmo equipo técnico que leva traballando durante o últimos tres anos, ou ben, a incerteza de volver empezar cunha nova contratación e con maiores restricións da Xunta que afectarán sobre todo ao rural, e tirar por terra todo o traballo realizado, así como un malgasto económico de máis de 200.000€, ademais dun fracaso político sen precedentes que os cidadáns como sufridores xamais entenderán e nunca perdoarían.

“Ante tal tesitura, UCN -nun claro exercicio de responsabilidade- valora o feito de que o alto índice provisional (65%) de estimación das alegacións formuladas, onde destaca especialmente o interior (Parada e Chandebrito cun 80%), e se o goberno presenta unha proposta debidamente motivada e axustada a dereito, achega toda a documentación técnica dispoñible e que a empresa presente un cronograma de traballo para a aprobación provisional e evitar máis demoras nesta fase final do PXOM, nese caso, estariamos dispostos a facilitar a cesión -tal e como anunciamos no pleno-, ben cunha abstención ou mesmo o voto afirmativo chegado o caso, pero pedimos tamén seriedade e rigor”, conclúe o portavoz independente.