Dobre triunfo de Iván Roade en menos de 12 horas

Tras gañar hai unha semana a Happy Go Running, Iván Roade Lago segue sumando triunfos ao seu palmarés. Este fin de semana o atleta de Nigrán volveu subir ao máis alto do podio e por partida dobre, gañando a SantYago10K, e menos de 12 horas despois, a Carreira Pedestre Popular do Pino.

Na cuarta edición da carreira nocturna SantYago10K, que se celebrou o sábado ás 22:00 horas, Roade foi o primeiro en completar o circuíto polas rúas do centro histórico e a súa contorna máis próxima, cruzando a meta na Praza do Obradoiro cun tempo de 32:11. Un minuto e catro segundos despois facíao o seu compañeiro do Bikila, Daniel Bargiela Araújo, e en terceira posición, Amador Pena Torreira, do Atletismo O Pino (34:14).

O domingo, ás 10:45 da mañá, arrancaba a décimo quinta edición da Carreira Pedestre Popular do Pino. Roade proclamábase campión na categoría absoluta tras completar os 8.100 metros do circuíto urbano habilitado en Arca, nas inmediacións do colexio público Camiño de Santiago, cun tempo de 25:47. Gustavo Platas Vidal (26:11) e Amadeo Vidal Chaves (26:23), ambos os dous do Verxel Nutrición Deportiva, foron segundo e terceiro respectivamente.

2018-04-30 - WhatsApp Image 2018-04-30 at 12.07.27

Anuncios