UCN valora positivamente o seu apoio aos orzamentos de Nigrán para o ano 2018

FOTO: UCN // Antonio Fernández Comesaña e Juan González asinando o acordo.

O partido independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz Antonio Fernández Comesaña, valora moi positivamente a aprobación do orzamento municipal para o ano 2018 presentado polo goberno local do PSOE en minoría e que contou co voto favorable de UCN, despois de alcanzar un acordo claro e transparente entre ambas as dúas formacións, que culminou coa firma por parte do alcalde, Juan González, dun documento de compromiso puntual que vincula ao goberno local no seu cumprimento, non só para a execución de investimentos necesarios para a mellora do benestar dos veciños, senón tamén, mellorar os recursos económicos sen afectar o peto dos veciños, poñendo en marcha mecanismos de control sobre as grandes compañías eléctricas e de telecomunicacións, así como a concesionaria do servizo de abastecemento de auga e saneamento, para o correcto cumprimento das súas obrigacións tributarias coa facenda municipal, no pago da taxa polo aproveitamento do dominio público local do chan, subsolo e voo, así como establecer un calendario para o seu desenvolvemento e cumprimento.

“UCN nun claro exercicio de responsabilidade, antepuxo os intereses dos veciños de Nigrán por encima de calquera estratexia política oportunista, e considera fundamental que o Concello dispoña dunhas contas aprobadas para 2018 e será responsabilidade do alcalde Juan González e o seu goberno dunha xestión eficiente, demostrando a súa capacidade para levar a cabo os investimentos previstos de preto dos 3 millóns de euros (un 20%), dun importe total que ascende a 15.676.749,29€, que permita executar na súa totalidade, e non suceda como en exercicios anteriores que lamentablemente non chega a superar o 25% na súa execución, polo que estaremos vixiantes na execución orzamentaria, así como tamén faremos un seguimento do grao de cumprimento dos acordos alcanzados”, afirma Fernández Comesaña.

O portavoz independente agradece ao alcalde e á concelleira de Facenda e Contratación, Raquel Giráldez, o clima de diálogo e consenso levado a cabo en todo momento, e que desde UCN participaron sempre con espírito e talante construtivo, así como unha vontade clara por ambas as dúas partes de alcanzar un acordo que terá como únicos destinatarios os veciños de Nigrán, “e esperemos poida contribuír -na medida do posible-, á mellora do seu benestar e calidade de vida”, conclúe Fernández Comesaña.