OVALMI organiza o seu IV Encontro de Negocios

FOTO: OVALMI // III Encontro de Negocios.

A Asociación de Empresarios e Comerciantes do Val Miñor, OVALMI, interesada en fomentar a formación empresarial e os contactos profesionais, celebrará o próximo 3 de maio no Auditorio de Nigrán un novo Encontro de Negocios. A partir das 19:30 horas darase comezo coa recepción e acreditación dos asistentes. A presentación do evento polo presidente de OVALMI, Jose Luis Froiz, está prevista para as 20:00 horas.

Tras iso informarase das vantaxes para os negocios asociados derivadas do convenio financeiro subscrito con Abanca, que ofrece condicións melloradas respecto ao mercado, e impartirase unha charla sobre as novidades en Protección de Datos de Carácter Persoal, dada a inminente entrada en vigor, o 25 de maio, do novo Regulamento, de aplicación obrigatoria en todos os negocios.

Unha segunda parte da reunión reservarase para o denominado “Networking”, cada día máis presente na cultura empresarial grazas ás relacións comerciais e sociais que se poden establecer. Os asistentes poderán dar a coñecer o seu negocio e os seus produtos ou servizos e coñecer o que outras empresas e profesionais ofrecen. OVALMI ofrece así aos asistentes a oportunidade de promocionarse e descubrir oportunidades de negocio con potenciais clientes, provedores ou colaboradores.

O aperitivo final servirá para que os asistentes interaccionen, poidan coñecerse persoalmente, estreitar lazos, falar de negocios e de experiencias empresariais. Para máis información e inscricións antes do día 3 en asociacion@ovalmi.com ou no 986 36 67 30.

PROGRAMA PREVISTO:
19.30 h: Recepción e acreditación asistentes
20.00 h: Benvida Presidente OVALMI D. Jose Luis Froiz
20.05 h: Presentación convenio ABANCA-Dª María Isabel Fernández Vicente e D. Amable Manuel Currás Vázquez
20.30 h: Relatorio Protección de Datos-D. Javier Roig-VIFORDAT
21:15 h: Rolda presentacións asistentes e coloquio aberto
22.15 h: Aperitivo