The Limboos, Mujeres e Cala Vento actuarán este verán en Vive Nigrán

A segunda edición de Vive Nigrán, que se celebrará no antigo campo de fútbol de Lourido (Praia América) os próximos 20 e 21 de xullo, suma a The Limboos, Mujeres e Cala Vento. As bandas estarán acompañadas polas diversas propostas musicais de formacións como Mueveloreina, Nathy Peluso, Depedro, Esteban & Manuel, Bigott, Las Odio Abraham Boba DJ SET (León Benavente) ou o Concerto Mahou Cinco Estrellas de Sidonie.

The Limboos xurdiron da nada fará cuestión de catro anos. Ás poucas semanas, gravaron un single, tomaron a estrada e non pararon de dar voltas ata hoxe. A banda estivo paseando a súa «Rhythm & Blues Exótico» por media Europa cun show dos que non se esquecen facilmente. O seu primeiro LP «Space Mambo» (Penniman Records, 2014) pillou por sorpresa a todo o mundo -medios incluídos-, e as súas cancións e directos engancharon a todo tipo de público, sumando adeptos máis aló do circuíto do rock and roll. No seu segundo LP, «Limbootica!», a banda prosegue a súa viaxe ao corazón do ritmo, un periplo ao centro da mellor música de raíz, investigando e crecendo en cada recodo do camiño.

Mujeres son un sopro de aire fresco dentro da nosa escena, unha formación subterránea nada en Barcelona que -con referentes como 13th Floor Elevators, Los Saicos ou The Monks, e un son corrosivo con influencias do garage, o rock and roll e o punk- lograron converterse rapidamente nun referente. É fácil emparentarlos con bandas como os Black Lips, pero Mujeres mostran unha proposta persoal e un traballo honesto altamente exportable. De feito, alcanzan unha importante repercusión en países como Inglaterra, Francia, Italia, Holanda ou Estados Unidos.

Cala Vento non é unha banda común. Coa súa proposta a dúo de soamente guitarra, batería e un par de voces conseguiron facerse un lugar na escena estatal a golpe de hits. As súas cancións, certeiras como poucas, con letras brillantes e un pulso dramático atronador, manteñen a atención do oínte desde o primeiro instante e xa non a abandonan, con detalles de calidade a cada recuncho, sensibilidade por milleiros e unha enerxía xuvenil que si é a que fai do rock un xénero tan especial e necesario. A súa participación en festivais como Primavera Sound, SXSW en Austin, TX ou Monkey Week serve simplemente para consolidar a súa proposta aínda máis.

Outras actividades e entradas

O festival continuará apostando por fusionar a música con experiencias ao aire libre: as persoas asistentes terán á súa disposición dende xogos e talleres, ata unha gran oferta gastronómica a cargo de foodtrucks, un mercadiño, charlas, as sesións DJ de Abraham Boba (León Benavente) e Sidonie no Espazo Mahou… Unha infinidade de actividades que debuxan un «picnic pop festival» de cultura creativa, unha filosofía e un estilo de vida para que todos os públicos poidan gozar intensamente Nigrán dende a mañá ata a noite.

As persoas interesadas en adquirir as súas entradas xa poden facelo a través da propia web do festival, www.vivenigran.com, gozando dunha oferta coa que se poden adquirir os abonos de dous días por 22 €.

A segunda edición de Vive Nigrán é un evento organizado entre Concello de Nigrán e La 10ª Planta, coa colaboración da Deputación de Pontevedra, a Xunta de Galicia a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC) e Turismo de Galicia, e o patrocinio de Mahou.