O PP de Gondomar volve pedir ao alcalde que retome as conversas con Espazo Lectura

FOTO: ESPAZO LECTURA // Celebración do Día do Libro.

A presidenta do Partido Popular de Gondomar lle pide a Paco Ferreira que se sente a falar con Espazo Lectura, co fin de normalizar a situación na que se atopan as relacións con esta asociación. Hai xa mais dun ano que a Asociación Espazo Lectura decidiu suspender todas as actividades infantís na Biblioteca Pública de Gondomar, por desacordo co Alcalde, quen segundo os populares quebrantou a boa sintonía que ata o daquela houbo entre os diferentes gobernos do Concello de Gondomar e a asociación. En abril do ano pasado aprobouse unha moción no pleno que instaba a Ferreira a sentarse a dialogar con Espazo Lectura, cousa que ata o de agora non se produciu.

Paula Bouzós recorda que Espazo Lectura vén desenvolvendo dende hai máis de dez anos unha labor moi importante en Gondomar e na comarca do Val Miñor, como é o fomento e a animación á lectura, sobre todo en galego, mediante actividades de toda índole e grazas á gran masa de voluntariado coa que conta a asociación. O gran prexudicado, como non, son os cativos que ata marzo do ano 2017 viñan participando nas actividades que se organizaban na Biblioteca Pública de Gondomar. Ben é certo que a asociación segue desenvolvendo outro tipo de actividades na Casa da Lectura de Donas. Esta asociación ten recibido varios recoñecementos polo seu traballo, como son o 2º premio de dinamización sociocultural Everest 2009, o Premio Irmandade do Libro da Federación de Libreiros de Galicia 2009, o Premio Francisco Fernández del Riego 2010 da Asociación Galega de Editores, o Premio á Mellor Iniciativa Cultural ou de Fomento da Lectura 2016 na 1ª Gala Galega do Libro Galego.

“Este luns se celebrou o Día do Libro, e daba mágoa ver como tanto o concello como Espazo Lectura organizaban diferentes actos por separado, o que obrigaba aos cativos a escoller entre ir a unhas ou a outras. Sería moito mais sinxelo que se organizaran as actividades do Día do Libro en conxunto, aproveitando da experiencia e o voluntariado de Espazo Lectura e a capacidade financeira do concello. Ademais se poderían facer unhas actividades máis completas nas que tivera cabida toda a cidadanía de Gondomar. Foi unha pena que non se aproveitase esta data para reconducir esta situación”, afirma Paula Bouzós.

A presidenta do PP de Gondomar lle pide a Paco Ferreira que polo ben da Cultura, a Educación e o futuro dos cativos deste concello se deixe de falacias e se sente a dialogar con Espazo Lectura. “Gondomar gañará en calidade de vida si o concello volve a contar coa gran experiencia, o voluntariado e os coñecementos que atesoura Espazo Lectura logo de moitos anos fomentando a lectura e a posta en valor do libro galego. Moitas persoas, que agora non son tan cativos, engancháronse á lectura grazas ás actividades desta asociación. -Sen bibliotecas, que temos? Nin pasado nin futuro-. dicía o escritor estadounidense Ray Bradbury, ou como dicía Unamuno -Canto menos se le, mais dano fai o que se le-“, remata Paula Bouzós.

Anuncios