O Auditorio de Nigrán acolle este venres o espectáculo infantil “Fíos do Querer”

O Concello de Nigrán, dentro da súa programación do Mes do Libro, dedica a tarde do venres 26 de abril aos “nenos e nenas de colo” cun espazo de xogo sensorial dende ás 16:30 no Auditorio Municipal e, a continuación, as 18:00 horas, o espectáculo de cancións infantís “Fíos do Querer”, de Cé Orquestra Pantasma. En caso de que non ameazase choiva se celebraría todo na Praza do Concello.

Acompañados dos seus pais, os nenos de 0 a 5 anos poderán gozar de cantigas de primeiras palabras, para abanear, para dar bicos, abrazos, facer palmiñas, o cabaliño… “Fíos do Querer” trátase dun espectáculo no que César Freiría, coñecido como Cé Orquestra Pantasma, ofrece a súa música para xogar, cantar e bailar e tamén para realizar unha exploración instrumental con axóuxeres e obxectos sonoros feitos a partir de materiais naturais. «Tecendo coas agullas máxicas do amor, dos bicos, aloumiños e fermosas primeiras experiencias compartidas e celebradas foi medrando “Fíos do Querer”, resultando envoltorio agarimoso para xogar, cantar e bailar cos nenos de colo», resume.

Paralelamente, dende as 16:30 horas ao inicio de “Fíos do Querer” ás 18:00 horas, estará instalado no Auditorio un espazo de xogo libre con material natural non estruturados destinado a estimular a creatividade dos nenos: telas, follas, terra, pedras, cunchas, canas, carozos, madeiras, rafia… Decenas de materiais sen un fin concreto que permiten o desenvolvemento do xogo simbólico. O material non estruturado é aquel que non foi especialmente pensado para educar ou xogar, pero que con todo ofrece grandes posibilidades para que o neno investigue por si mesmo, desde o seu propio interese e curiosidade naturais.

O punto e final a toda a programación do “Mes do Libro” será o sábado 28 co contacontos musical de “Matrácala” a mediodía no Auditorio Municipal e pola tarde co obradoiro “pintando a música” baseado no imaxinario de Hervé Tullet e dirixido a familias e nenos a partir de 5 anos. Tullet é recoñecido en Francia como o “Príncipe dos libros de Preescolar”.