Anuncios
Ticker de novas

Os alumnos do Colexio Salesianos de Vigo plantan 1.000 carballos en Chandebrito

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // Un grupo de alumnos plantando os carballos.

Os alumnos e alumnas do Colexio Salesianos María Auxiliadora de Vigo desprazáronse ata Chandebrito a facer a plantación dos 1.000 exemplares de carballo xerminados durante o curso no proxecto “operación: manda carballo”, que arrancou coa vaga de lumes de outubro implicando á comunidade educativa no reto de reforestar dúas hectáreas de monte nesta parroquia de Nigrán.

Ao longo da semana pasada os diferentes cursos traballaron unha unidade didáctica resume de todo o proxecto e a través dun videotitorial aprenderon o proceso para facer o transplante. Coa zona preparada e os 1.000 exemplares de carballo xerminados e fortes nos seus maceteiros de tetrabrik, trasládanse en grupos desde 5º de Primaria ata 2º de Bacharelato ata a zona próxima ao Monte do Castro, onde cada alumno e alumna plantará dous exemplares, supervisados polo enxeñeiro agrónomo Oliver Weiis, o seu profesor de Bioloxía, Luis Quiroga, e o presidente da Comunidade de Montes e Asociación de Veciños de Chandebrito, Víctor Vidal.

Deste xeito, a iniciativa chega á súa penúltima fase, pero non a última nin moito menos. O proxecto xa vincula directamente aos rapaces con este anaco de fraga que lles compromete como centro a colaborar co seu mantemento, tal e como recolle o acordo asinado o pasado mes de marzo. Asemade está prevista para o 19 de agosto unha xornada de mantemento e na que instalarán un panel informativo no que se explicará en que consistiu a “operación: manda carballo”.

O proxecto

O proxecto articulouse en diferentes liñas de traballo. Por unha banda, a xerminación das landras nos laboratorios do centro, e o posterior transplante en bricks de leite con terra para acadar plantas viables para levar ao monte. Os 1.000 exemplares medraron na terraza do colexio e acompañouse no tempo coa realización dunha unidade didáctica sobre a importancia dos bosques e os incendios forestais en Galicia, a súa problemática en xeral e outros moitos contidos acerca da necesidade que temos de comprometerse coa conservación e protección do medio ambiente. Visitoulles os días 16 e 20 de febreiro a Oliver Weiis, enxeñeiro agrónomo e pai de alumnos do centro, e Víctor Vidal, presidente da Comunidade de Montes e Asociación de Veciños de Chandebrito, para explicarlles en que ía a consistir o traballo de reforestación, como foi o incendio, e os proxectos que a comunidade ten para a recuperación do monte.

Anuncios