Sin categoría

Nigrán dedica un souto e un mural de Lula Goce a Carlos Casares no colexio de Vilariño

O Concello de Nigrán festexou esta mañá o Día Internacional do Libro no CEIP Carlos Casares de Vilariño coa presentación do gran mural pintado na súa fachada pola recoñecida artista baionesa Lula Goce e a plantación de 40 castiñeiros nun terreo municipal anexo bautizado como “Souto Carlos Casares” e formará parte xa do centro. Aos actos acudiu o alcalde de Nigrán, Juan González, e os dous fillos de Carlos Casares, Hakan e Christian, que ademais foron alumnos do centro.

O Concello de Nigrán contratou a Lula Goce a petición do colexio para o seu proxecto escolar anual “Artistas do Val Miñor”. O CEIP homenaxea con esta gran pintura á obra infantil de quen foi o seu veciño, Carlos Casares, xa que o mural se basea en ilustracións que representan aos personaxes de “A galiña azul”, “As laranxas”, “O Can Rin e o Lobo Crispin”, “Toribio” e “Lolo”, sen faltar un chisco das afeccións persoais do escritor (como a fotografía ou os trens) ou a súa faceta de tradutor de obras como “O Principiño”. A artista baionesa Lula Goce enlaza todo elo a través da imaxinación dun neno que le, plasmado co impresionante hiperrealismo e delicadeza que caracterizan os seus murais (como sucede nun dos seus traballos máis aclamados, situado na curva de San Gregorio, en Vigo).

O CEIP Carlos Casares, a través do seu proxecto escolar “Artistas do Val Miñor”, continúa deste xeito difundindo o talento e obra de artistas da comarca (anteriormente, en diferentes proxectos, contaron coa colaboración de Irene Silva, Tokio, Antón Román, Ani Pérez, Ignacio Hernández, etc…).

«Estamos seguros de que o noso pai estaría encantado con este gran mural, primeiramente porque é no colexio de Vilariño, lugar onde el decidiu vivir, e logo porque está dedicado aos nenos e ao fomento da lectura. Se ademais ledes todos os días un pouco, seguro que o meu pai se sentiría moi orgulloso», díxolle Hakan aos nenos.

Posteriormente, os fillos de Casares, Lula Goce, e o alcalde de Nigrán acudiron cos nenos á plantación do souto “Carlos Casares” e bautizaron as súas propias árbores, para o cal o Concello mercou 40 castiñeiros e cedeu o terreo anexo ao colexio, onde anteriormente había eucaliptos e acacias.

«Para o Concello de Nigrán é un orgullo poder dedicar un espazo público ao noso célebre veciño. Esta era unha franxa de monte chea de especies invasoras e agora será un souto para o goce dos nenos do colexio e para a veciñanza, de feito, crearemos un acceso directo dende o centro para que forme parte do recinto», explicou o alcalde, Juan González.

Lula Goce

Lula Goce é licenciada en Belas Artes pola Universidade de Salamanca na especialidade de Pintura; Doutorada e Máster en Belas Artes pola Universidade de Barcelona; Técnica en Ilustración pola Escola de Dóaa de Barcelona e técnica en deseño gráfico polo Centro Pauta Formació de Barcelona. Goce conta con numerosos premios e recoñecementos no seu haber e ten obra dentro e fora de España, sendo requirida dende numerosos puntos de Europa para realizar os seus aclamados murais.