Unha vintena de Micro-Beléns participaron no 5º concurso organizado en Sabarís

FOTO: COEMSA // Algúns dos Micro-Beléns participantes.

Este sábado entregáronse no Mercado de Sabarís os premios aos gañadores do 5º Concurso de Micro-Beléns organizado por Coemsa e a Furgolibro do Mercado da Tía Ni, durante a celebración do Rastro Familiar de Nadal.

O premio popular recaeu un ano máis na Residencia Vila do Conde de Gondomar. O máis currado foi o realizado por Anxo González, o máis infantil o elaborado por Xián “Calabaza” e o máis orixinal para a creación de Luisa Martínez.

A vintena de creacións participantes, que debían ter un tamaño máximo de aproximadamente 30×60 centímetros, permanecen expostas do 18 de decembro ao 6 de xaneiro nos escaparates das tendas de Sabarís.

O xurado estivo formado por Nando Fernández, Juan Alderete e Ángel Vidal, que valoraron os premios ao “máis orixinal”, ao “máis currado” e ao “máis infantil”. O premio ao “máis popular” outorgouno o público que fixo a ruta e votou.

Os gañadores recibiron 100 euros consumibles nos negocios de Sabarís asociados a Coemsa ademais dun diploma, un lote de libros e un gravado de Irene Silva.