O Concello de Baiona informa de que a partir do próximo luns, día 3 de abril, estará pechado ao tráfico o cruzamento das rúas Carabela La Pinta e Cidade de Vigo polas obras de humanización que están a levarse a cabo.
As labores de retirada do asfalto e instalación das redes de saneamento e pluviais no pequeno tramo no que conflúen ambas rúas obrigan a pechar a circulación rodada na intersección. Estímase que os traballos durarán varios días e estarán finalizados ao longo da semana.
A humanización da rúa Cidade de Vigo está xa moi avanzada e ata o momento tan só está permitida a circulación para que os residentes poidan acceder ao seus garaxes.
O orzamento da execución das obras ascende a 616.606 euros, pero o custe das obras non suporá ningún gasto a maiores para o Concello ao estar asumido pola nova empresa adxudicataria do servizo de abastecemento da auga, Gestagua.
As obras que se levarán a cabo inclúen a renovación de redes de abastecemento e acometidas domiciliarias, renovación da rede de abastecemento do Parador de Turismo; instalación de rede de pluviais e de acometidas a edificios e sumidoiros; renovación da rede de alumeado público, pasando a instalar iluminación led; renovación e ampliación das redes de electricidade de Fenosa; instalación de rego e xardinería; adecuación das instalacións de telecomunicacións e gas; colocación de equipamento e mobiliario urbano; repavimentación da rúa e sinalización.
A extensión e límites do ámbito no que se realizan as obras ás que se refire este proxecto de execución implican unha extensión de superficie real de 2.044 metros cadrados.

