O Rally Rías Baixas quenta motores con charlas sobre a seguridade nestes eventos

FOTO: RALLYE RÍAS BAIXAS // Alberto Meira.

A Escudería Rías Baixas xa comezou a poñer en marcha a maquinaria do 52 Rally Recalvi Rías Baixas. Para ir quentando motores, organizará unha serie de charlas coloquio en distintos concellos da provincia co obxectivo de concienciar e lembrar aos afeccionados da importancia de respectar as normas de seguridade.

Durante os últimos anos, o comité organizador do Rally Rías Baixas prestou especial atención a ese apartado, o que lle levou a ser un dos rallys mellor valorados do Campionato de España de asfalto no que á seguridade refírese, pero de nada vale o seu traballo se non contan coa colaboración das persoas que acoden a cada tramo. E é niso, no que queren facer fincapé para unha cita que está a levantar unha enorme expectación e que reunirá a 150 equipos.

A primeira desas charlas celebrarase este próximo sábado a partir das 18 horas no Auditorio Municipal de Salceda de Caselas e contará coa presenza dos pilotos Alberto Meira, Pablo Pazó, Jorge Pérez e José Martínez. É un acto aberto a todos os afeccionados que queiran acudir.

O 52 Rally Recalvi Rías Baixas, terceira proba do Campionato Galego de Ralis, celebrarase o fin de semana do 11 e 12 de maio.

Anuncios