O partido Independente Unión Centrista de Nigrán (UCN), por medio do seu portavoz, Antonio Fernández Comesaña, trasladou ao alcalde Juan González o malestar e indignación que lle fixeron chegar os veciños de Panxón e Praia América que como consecuencia da final provincial de Dúatlon Escolar, celebrada o pasado domingo nas rúas do litoral desde Panxón a Praia América, e que obrigou a cortar as principais vías de comunicación durante máis de 4 horas, impediu especialmente aos residentes poder saír ou entrar nas súas vivendas, deixando incomunicados e atrapados a centos de veciños, que ou ben non puideron chegar ás súas casas, ou mesmo, tampouco puideron saír, situación que xerou rabia e impotencia entre os afectados, e o que é peor, sen que ninguén lles dese explicacións.
UCN pide publicamente explicacións e desculpas ao alcalde Juan González, por ser o Concello o organizador do evento, contando co patrocinio da Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, polo que se cuestiona a forma excesiva en que se montou o operativo de seguridade na zona, non só por bloquear o acceso ou saídas das vivendas, senón tamén por chegar a prohibirse o aparcadoiro dez horas antes de que desen comezo as probas, e chegando incluso o guindastre para retirar vehículos que non molestaban, así como tamén a imposición de multas, o que non só afectou aos residentes, senón tamén aos negocios de hostalería da zona.
UCN lembra ao alcalde que debe supervisar os operativos montados pola Policía Local para estes eventos, porque xa non é a primeira vez que se producen innumerables queixas veciñais ante operativos excesivos, que pechan as rúas baixo sete chaves, sen dar alternativas, e procurar dar certa flexibilidade para minimizar na medida do posible, as molestias e incomodidades aos veciños afectados.
Doutra banda advirte UCN, que se está sobrecargando na zona do litoral con todas as actividades lúdicas que se realizan, non só no inverno, senón tamén durante a tempada estival, que ante a maior afluencia turística, xera tamén maiores incomodidades, «polo que entendemos debería reformularse trasladar estes eventos a outros lugares que non supoñan molestias aos veciños, como puidese ser a contorna do parque empresarial de Porto do Molle», advirte o portavoz independente.

