
Os próximos días 24, 25 e 26 de xuño, as Concellerías de Deportes e Actividades Marítimas de Baiona organizan unha nova Campaña Escolar de Fomento de Deportes Náuticos “Semana Azul 2019”, nas instalacións de WetSport Ladeira e na propia praia como centro neurálxico do devandito programa.
Nesta nova campaña do 2019, presenta moitas novidades, e a primeira é a de aglutinar a mesma en tres días en xornada de mañá e tarde e onde os participantes poderán desenvolver e penetrarse en deportes náuticos como a vela lixeira, pádel surf, windsurf e piragüismo.
A idea é realizar xornadas continuas onde os participantes pasarán desde as 11:00 ata as 17:30 horas realizando deportes náuticos, facendo unha breve parada ao mediodía para tomar un bocadillo e repoñer forzas.
A campaña consta de dous prazos de inscrición, o primeiro iníciase o 1 de xuño para os escolares dos centros públicos de Baiona, e un segundo para partir do día 11 de xuño para o resto de escolares que queiran participar. Poderán participar todos aqueles interesados que cumpran os seguintes requisitos: saber nadar e ter máis de 8 anos.
O día 24 de xuño participarán escolares de 8 a 10 anos, o día 25 escolares de 11 a 13 anos e o día 26 de xuño escolares de máis de 14 anos.
A Campaña Escolar de Fomento de Deportes Náuticos é totalmente gratuíta, xa que o Concello de Baiona subvenciona a totalidade dos cursos así como as licenzas federativas para os escolares participantes.
A Campaña conta coa colaboración de entidades como o Monte Real Club de Yates, Club Piragüismo Baiona, WestSport Ladeira, Waira e Coca-Cola.
Esta nova campaña nace coa intención de fomentar e achegar o mar como espazo de lecer e deporte aos máis novos e tentar desenvolver un hábito deportivo entre a poboación ofrecendo a posibilidade de coñecer e dominar un espazo que polas súas características xeográficas e culturais é de vital importancia en Baiona.
Coa posta en marcha da Semana Azul do 2019, tamén se abre o período de inscricións para todos aqueles interesados en realizar algún curso de iniciación das actividades deportivas náuticas que para o presente período de verán ten previsto desenvolver o Concello de Baiona que son: Vela Lixeira, Windsurf, Piragüismo e Pádel Surf.
Para maior información dirixirse ao Pavillón de Deportes Municipal ou chamar ao teléfono 986 356 558. Tamén está dispoñible o correo electrónico deportes@baiona.org.