Aprobada a emenda de Nigrán Decide para suplementar ao persoal do Concello que cobra o salario mínimo

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // O Grupo Municipal de Nigrán Decide nunha sesión plenaria.

Nigrán Decide presentou unha emenda ás bases de execución orzamentaria do borrador dos orzamentos do Concello de Nigrán do ano 2018 para suplementar o salario do persoal do Concello que cobra o salario mínimo.

A emenda aos orzamentos que, cumprindo co seu programa electoral, presentou Nigrán Decide para suplementar o salario do persoal do Concello que cobra o salario mínimo, aprobouse por unanimidade na comisión informativa de contas celebrada este mércores, aínda que cunha emenda do goberno para que non teña efectos retroactivos.

Na emenda establécese que en ningún caso o persoal do Concello con xornada completa poida cobrar menos de 13.863,78 euros anuais, o que supón algo menos de 1.000 euros mensuais. Con esta medida, no Concello de Nigrán cumpriríase a Carta Social Europea, que establece que o salario mínimo non debería ser inferior ao 60% do salario medio.

“Tanto durante o anterior mandato do Partido Popular, como neste do PSOE, o persoal que se contrata a través das subvencións da Deputación cobra o salario mínimo, polo que o noso grupo municipal propuxo dignificar o seu salario”, sinala José Cuevas, voceiro de Nigrán Decide, para continuar indicando que, “a pesar de estar na memoria da Alcaldía dos orzamentos dos anos 2016 e o prorrogado do ano 2017, o actual goberno non fixo nada para cumprir este compromiso”.

“A nosa estratexia electoral é clara, cumprir o programa co que nos presentamos ás eleccións e tomar as decisións que consideramos que son mellor para Nigrán. Por iso pedimos documentación, para tomar a decisión que, na nosa opinión, sería fundamentada e beneficiosa para os intereses xerais de Nigrán, neste caso para o persoal que cobra o salario mínimo no concello”, finaliza Cuevas.