O Centro Cultural de Peitieiros convoca o V Certame Literario do Día das Letras Galegas

O Centro Cultural e Veciñal de Peitieiros convoca o V Certame Literario do Día das Letras Galegas, no que poderá participar calquera persoa cunha obra orixinal e inédita escrita en galego (normativa oficial). Admitiranse textos en prosa ou verso, dunha extensión máxima de dúas páxinas (corpo da letra 12, interlineado 1,5).

Presentaranse por triplicado antes do 12 de maio remitíndoos por correo ao seguinte enderezo: CCV Peitieiros, Peroleira 33, 36389 Gondomar, facendo constar no sobre “certame literario”. Establécense tres categorías: até os 12 anos, de 12 a 18 anos e de 18 anos en diante.

As obras deberán presentarse sen nome da/o autor/a nun sobre pechado. No interior virá outro sobre que por fóra indicará a categoría en que se participa e dentro traerá os datos da autora ou autor: nome, DNI, enderezo, correo electrónico e teléfono, e se o estima unha moi breve biobibliografía.

Haberá un premio por cada categoría, consistente nun lote de libros e un diploma. Os premios daranse a coñecer o día 20 de maio, ás 19:00 horas, no acto das Letras galegas que se desenvolverá no Centro Cultural de Peitieiros, en que se abrirán as plicas e as e os gañadores darán lectura á súa obra.