O alcalde de Gondomar planta cara ao uso do glisofato

Un ano máis a Xunta de Galicia segue utilizando glisofato nas beiravías das estradas de propiedade autonómica. Este martes, o camión de conservación de estradas encargado de “regar” as cunetas con este herbicida actuaba na estrada de Chaín, Morgadáns, Peitieiros e Couso.

A Policía Local, acompañada polo alcalde, Paco Ferreira, identificaron o vehículo e evitaron que continuase esparexendo o produto, que ademais do perigo que supón para a saúde das persoas e dos animais (o glisofato é canceríxeno), afecta a zonas públicas, canles de recollidas de auga ou cultivos.

Ferreira sinalou que “hai que evitar que sigan esparexendo este veleno por Gondomar, algo que non debemos permitir polo ben de todos”. O Pleno da Corporación Municipal, na súa sesión ordinaria do 2 de xuño de 2016, acordou por unanimidade non autorizar o uso dos herbicidas con glisofato en todo tipo de lugares públicos do municipio, e substituír estes produtos por métodos mecánicos e/ou biolóxicos non contaminantes, que non danen a saúde nin o medio.

Así mesmo, dirixiuse á Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio da Xunta de Galicia, e ao Ministerio de Fomento, solicitando o abandono inmediato do uso de herbicidas derivados do glisofato no tratamento das beiras e medianas da rede viaria que pasen polo termo municipal, para que a protección da saúde das persoas e o medio en Gondomar sexa realmente efectiva.