Baiona saca a concurso 73 postos do mercado de Sabarís

FOTO: ALBERTO RODRÍGUEZ // 520 aniversario do mercado de Sabarís.

O Concello de Baiona saca a concurso a concesión de 73 postos de venda ambulante para o mercado de Sabarís, que se celebra todos os luns na parroquia desde hai máis de 520 anos. A convocatoria dá a coñecer as bases reguladoras para a concesión de autorizacións para a instalación de postos vacantes no devandito mercado. Con esta nova convocatoria quérense cubrir os 220 postos de venda ambulante que ten o mercado. En maio do 2017, o Concello sacou a licitación 156 postos.

O prazo de presentación de solicitudes é de 10 días hábiles, a contar desde hoxe mesmo, polo que os interesados poderán presentar as solicitudes ata o próximo 2 de maio.

A concelleira de Mercados de Baiona, Mª Carmen Paredes, indica que “as licenzas se darán amparándose na Lei galega de mercados que permite unha serie de cuestións e que organiza e ordena os mercados da comunidade. En base a esa Lei temos que pedir a documentación oportuna e conceder ou non a licenza. Un destes requisitos para outorgar a licenza aos vendedores ambulantes é que teñen que estar ao día cos impostos e non ter débedas con Facenda”.

O mercado de Sabarís é un dos máis antigos de Galicia e segue xogando un papel crave na posta en valor e dinamización da Parroquia de Santa Cristina da Ramallosa.

Paredes, que á súa vez tamén é concelleira de Comercio, destaca “o efecto tan positivo que ten a pluralidade do comercio que se dá no mercado de Sabarís que, lonxe de ser competencia dos comercios permanentes, serve de catalizador para todos aqueles que deciden ir ata a feira o luns pola mañá e que desta maneira consomen nos diferentes establecementos”.

Este novo concurso vén ampliar o espazo de comercio no que se dan cita unha gran variedade de produtos de moi variada clase que van desde froitas e verduras, ata decoración, moda e complementos entre outros moitos.

A convocatoria estará aberta a calquera ambulante alleo á feira que queira probar sorte nunha cita que conta con moito arraigamento entre os veciños da vila e os dos municipios lindeiros e que, especialmente no verán, atrae a miles de persoas cada luns.

As bases da convocatoria están dispoñibles na páxina web do Concello. Tamén no Rexistro Xeral do Concello en horario de 9:00 a 14:00 horas de luns a venres.